Román Rodríguez anuncia acto prevaricador en masa contra os dereitos do profesorado

1055

O Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, anunciou esta mañá a súa intención de desafiar á lexislación estatal de redución da temporalidade a través dos mecanismos de estabilización e consolidación do emprego público, postos en marcha logo dun ciclo de intensa mobilización por parte do persoal temporal das administracións e o sindicalismo combativo de todo o Estado. Esta lexislación, xa de seu insuficiente, parece que lle molesta ao Partido Popular galego ao punto de anunciar a súa total insubordinación á Lei, e a súa disposición a iniciar un acto prevaricador de efecto masivo e consecuencias catastróficas para o emprego público.

A intención da Consellaría sería evadir a consolidación e fuxir da convocatoria do sistema transitorio de concurso-oposición na Galiza á que vén obrigada. Desta maneira, a pesar dos pasos que se pretenden dar nos diversos sectores públicos estatais e autonómicos, a Xunta mostra a súa intención de perpetuar o modelo de discriminación do persoal temporal, en base a cifras inventadas de temporalidade, a cargo das OPEs de 2021 e 2022, malia seren publicadas e/ou executadas coa nova normativa vixente. Así mesmo, como manobra estética, anunciou un concurso de 500 prazas sen negociacións para a súa cuantificación ao respecto. O Partido Popular segue a defender un modelo de emprego público precario, sen dereitos, e cun trato discriminatorio cronificado.

Ao efecto, este venres celebrarase a Mesa Sectorial. Dende o inicio de todo este debate, o conxunto das centrais sindicais negociadoras modificaron a súa oposición aos procesos de consolidación, para finalmente anunciar e nos últimos meses a súa defensa nas Mesas. Se no seu momento celebramos ese cambio de parecer, tamén sabemos que o encontro deste venres é a primeira oportunidade para converter as proclamas en feitos, cun non unánime e rotundo da representación social ao proxecto desobediente de Román Rodríguez.

Por todo isto, chamamos a todas as centrais sindicais con presenza no ensino, na previsión de que Román Rodríguez e o seu equipo seguirán a defender a súa aventura precarizadora das administración públicas e depauperadora dos servizos públicos; a realizar un exercicio de unidade sindical.

Se este venres a Consellaría non retira a súa proposta, instamos á CIG, STEG, CCOO, UGT, ANPE e CSIF a abrir unha mesa de diálogo sindical, na que todos os sindicatos do ensino sumemos, co fin de artellar un programa conxunto de mobilizacións que lle poña máis unha vez freo á pretensión do Partido Popular de acabar con todo.

Neste momento milleiros de traballadoras do ensino, agardan de todas nós, das súas centrais sindicais, este exercicio de xenerosidade e unha resposta contundente e unitaria.

COORDINADORA DA CUT ENSINO