No día de onte tivo lugar na Praza do Obradoiro unha rolda de prensa das organizacións que forman parte das Marchas da Dignidade para anunciar que o vindeiro #29N ocuparán o Obradoiro para esixir pan, traballo e teito.
Na rolda de prensa participaron representantes de moitas das organizacións que adhiren a mobilización convocada polas Marchas da Dignidade para o vindeiro 29 de novembro no Obradoiro co fin de amosar o rexeitamento masivo da clase traballadora galega ás políticas regresivas e a esixencia do seu dereito a unha vida digna.En palabras do Secretario Xeral da CUT, Manolo Camaño: “As reivindicacións que deron lugar á mobilización masiva das Marchas da Dignidade o pasado 22 de marzo seguen hoxe máis vixentes ca nunca. A situación para a clase obreira galega non deixou de empeorar ao longo deste ano e, hoxe como onte, seguimos esixindo Pan, Traballo e Teito”.
“Temos que combater a inxustiza, o desemprego,os desafiuzamentos e os ataques reiterados á clase traballadora galega mediante a mobilización masiva na rúa das clases populares galegas”, engadiu Manolo Camaño, quen advertiu da intención dos xestores do Capital de manter a súa cota de ganancia a costa dos dereitos conquistados pola clase obreira en dous séculos de loita: “Hoxe todo está en perigo. A sanidade e o ensino públicos, as pensións, o dereito a un traballo digno, a un teito e á alimentación, o noso dereito, en definitiva, a ter unha vida digna”, concluíu.
Mobilización do 6 de novembroNa rolda de prensa informaron, así mesmo, da convocatoria dunha manifestación ás 20 horas para o vindeiro 6 de novembro nas principais cidades e vilas do país baixo o lema “Camiñando cara ao 29 de novembro”, co fin de ir sumando forzas e facendo visible na rúa o rexeitamento do pobo galego ás políticas de austeridade impostas pola Troica, Madrid e Feijoo.
Por último, na convocatoria aos medios tamén se informou da presenza da Columna Galega das Marchas da Dignidade en Uvieu o 24 de outubro durante a entrega dos Premios Príncipe de Asturias para amosar o noso rexeitamento á monarquía española.