Riscos laborais docentes: en mans da empresa privada.

80

Falar de riscos laborais no traballo desenvolto polas profesionais dedicadas ao ensino,
neste noso país, debería ser tomada máis en serio por parte da Xunta:

  • non hai unha adaptación real aos postos de traballo para as persoas que o precisan.
  • non se contemplan adaptacións para profesorado maior de 55 anos coma ocorre noutras comunidades.
  • non hai unha correcta carteira definida de enfermidades profesionais para cada corpo e especialidade docentes.
  • seguimos a ser mutualistas con dereito a cobertura privada con cartos públicos e non do sistema xeral da Seguridade Social, alimentando as diferenzas entre a clase traballadora dende o sistema público no acceso á saúde e permitindo o enriquecemento continuo das aseguradoras privadas.
  • O noso servizo de prevención pasa por outra empresa externa e privada: Qualtis, quen dirime o noso estado de saúde nas revisións anuais e tamén ante a petición dunha adaptación do posto de traballo. O sistema público de saúde queda fóra na valoración das súas propias traballadoras de forma incongruente e moi interesada para a empresa privada.

Con respecto á enquisa que se nos enviou:

1) Lembramos a esta Consellería que o idioma oficial de uso da Xunta de Galicia é a lingua propia, o galego, de uso obrigado para todo o funcionariado público e administración, con obriga de coñecelo e empregalo. É así que están a incumprir, como de costume, a normativa lingüística para novamente asoballar e normalizar o uso do castelán nos ámbitos “protexidos” para o uso do galego, protección necesaria pola dinamitación constante da nosa lingua por parte dos gobernos do PP.

2) A linguaxe discriminatoria, por exemplo: o xefe, os superiores, …por máis que o
Conselleiro de Educación sexa sempre un home, debera estar proscrita tal como sinala calquera lexislación pública e educativa.

3)  Por mor de escoller 1 única opción na pregunta  b)"Ocupación profesional", a miña resposta non é de todo sincera pois son docente en ESO, Bach. e FPB, e todo o que a Consellería decida botarme enriba cada ano, como docentes non estabilizada despois de 15 anos por falta de prazas.

4) Coido que a "empresa avaliada" así como "o xefe ou os superiores"  será a Consellaría de Educación ou Función Pública para o persoal non docente non adscrito, cada día máis empresa e menos servizo público,  e non as persoas que comparten o noso centro de ensino, circunstancialmente en postos directivos.

5) De realizarmos unha enquisa cunha empresa externa, sen ter máis información arredor dela que a confianza, adxudicación do seu departamento , tampouco debera ser o mellor para compartir os nosos datos persoais con non sabemos quen. Entendemos que haberá un protocolo subscrito descoñecido por quen entrega a súa información persoal.

6) E, para rematar a festa, sempre vén ben contar coa traca final neste a xeito de
publicidade gratuíta, por parte da empresa escollida pos vostedes, aos noso enderezos corporativos dunha empresa subcontratada cos cartos de todas, tendo persoal público perfectamente preparado para asumir dita función. A externalización do público está hoxe en cotas nunca imaxinadas nesta carreira incesante da Xunta de Galicia por privatizalo todo.

A análise da situación debe fornecer ferramentas para mellorar a calidade da educación
galega e non limitarse a copiar enquisas xerais que pouco ou nada teñen a ver coas
necesidades reais das traballadoras dos centros de ensino e facerse dende un sistema público obxectivo, sen intereses no mercado onde a saúde é unha das moedas de cambio máis lucrativas para a empresa privada.