REXISTRADA A FOLGA XERAL DO 29 DE MARZO

57

Ás 11 da mañá deste día 2 de marzo a CUT, xunto coa CIG, a CNT e a CGT; rexistrou na Consellería de Traballo de San Lázaro en Compostela, a convocatoria de Folga Xeral Nacional para o día 29 de marzo.Esta convocatoria unitaria responde á vontade conxunta destas organizacións sindicais de lograr unha mobilización que poña freo ás reformas xa efectivas e as previstas polas diferentes administracións que nos gobernan. Este proceso unitario estableceuse tras dúas xuntanzas celebradas entre as diferentes centrais sindicais, desembocando na convocatoria desta folga e no traballo que esta conleva para que sexa un éxito.Seguindo os acordos acadados nesa mesa, a CUT dirixirase en todas as comarcas ás demais centrais para organizar e consensuar a folga que será de toda a clase traballadora galega. O primeiro contacto xa foi establecido na Comarca de Vigo pola importancia que esta comarca ten de cara ao éxito da folga, estando á espera de resposta por parte dos compañeiros e compañeiras da CIG.A CUT entende que son estes momento de xenerosidade por parte de todas as centrais sindicais, é hora de acumular forzas e situarse na defensa da clase traballadora, non pode haber dúbidas nin escala de grises; nunca antes foi tan claro que estamos nun lado ou noutro.