A CUT vén de rexistrar formalmente a convocatoria de folga xeral en toda Galicia o mércores 15 de outubro en apoio ao pobo palestino.
Dende a CUT pensamos que a acción popular contundente é o único camiño para forzar ás institucións a parar a masacre do pobo palestino, e por iso, coma di o noso lema, debemos parar para parar o xenocidio.

Estes son os obxectivos da folga:
A. – Esixir a fin do xenocidio en Palestina coa devolución inmediata dos territorios ocupados, defendendo o dereito do pobo palestino a vivir en liberdade.
B. – Desenvolvemento dunha cláusula de conciencia para as traballadoras e traballadores das empresas que manteñan relacións comerciais con Israel. Tanto no modelo de finalización do contrato, de cambio de centro de traballo, como de abstención de participación dunha concreta actividade produtiva. Esta cláusula poderase activar, como mínimo, cando a empregadora realice exportacións de bens ou servizos ao Estado de Israel, e cando a empregadora incorpore no seu ciclo produtos, servizos e/ou investimentos de orixe israelita.
C.- Para o caso das/os empregadas/os públicas/os, poderá exercerse con cambio de unidade ou abstención de participación, cando a administración responsábel participe dalgún contrato coa administración ou empresas israelitas, e cando se sometan á súa responsabilidade servizos públicos en réxime de xestión indirecta cedidos a algunha mercantil que incorpore no seu ciclo produtos, servizos e/ou investimentos acreditados de orixe israelita.
D.- Ningunha traballadora ou traballador poderá sufrir ningún tipo de represalia por absterse de contribuír á economía do xenocidio.
E.- Recoñecemento colectivo e expedito da condición de refuxiadas ou beneficiarias de protección internacional ás traballadoras palestinas que así o desexaren, con concesión do permiso de residencia e acceso ao mercado laboral, atención sanitaria e escolarización de forma inmediata e colectiva; sen ningún tipo de individualización e burocratización do seu drama.
F.- Desenvolvemento dunha axencia galega contra o “comercio do crime”, que determine os produtos, servizos e investimentos acreditados de participación israelita, á fin de facilitar o exercicio da cláusula de conciencia; con participación das entidades sociais (Comité Internacional Palestino BDS).
G.- Prohibición expresa de que fondos israelitas operen en sectores estratéxicos en calquera réxime de prestación como o entretemento, a sanidade, a enerxía, o ensino, as telecomunicacións, o financeiro ou o sector inmobiliario. Inmediata exclusión daqueles que como o KKR xa operan na maior parte destes.
H.- Esixirlle á patronal galega e ás administracións autonómicas e locais que suspendan de inmediato toda relación comercial co Estado de Israel.
I.- Que ningunha administración galega concerte ningún contrato con intereses armamentísticos israelitas , e que aqueles que os concertaron coa industria da guerra (v. gr. Elbit Systems e Rafael Advanced Defense Systems) como os Concellos da Coruña, Vigo, Ourense e as autoridades portuarias de Ferrol e da Coruña de os teren vixentes os revoguen de maneira inmediata.
K.- Eliminación do Acordo de Asociación Unión Europea-Israelí.
“A folga afecta a todas as persoas traballadoras dos sectores públicos e privados radicados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e terá efecto dende as 00 h do día 15 de outubro e finalizará ás 23:59 horas dese mesmo día, se ben as persoas que comecen a súa xornada nesa data antes das 00 h ou a rematen despois das 23:59 poderán acollerse durante toda a súa xornada laboral”
A folga afecta a todas as persoas traballadoras dos sectores públicos e privados radicados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e terá efecto dende as 00 h do día 15 de outubro e finalizará ás 23:59 horas dese mesmo día, se ben as persoas que comecen a súa xornada nesa data antes das 00 h ou a rematen despois das 23:59 poderán acollerse durante toda a súa xornada laboral, tal como está previsto na convocatoria rexistrada.
Chamamos a todas as organizacións sindicais e sociais a unirse á convocatoria para que sexa a clase traballadora toda, independentemente das siglas que defenda, a que tome a voz nesta masacre.
VIVA PALESTINA LIBRE!!!
PARAR, PARAR O XENOCIDIO!!!