Esta mañá o Secretario Xeral da CUT, Ricardo Castro, acompañado da voceira de ensino Andrea Estévez, reuníuse con Manuel Lourenzo, responsable de ensino do Bloque Nacionalista Galego.
A xuntanza, solicitada pola CUT de urxencia, tiña como obxectivo dar saída á situación do profesorado trala aprobación por parte da Xunta de Galiza do PP dunha oferta para a consolidación do profesorado que denunciamos insuficiente e que vai perpetuar e mesmo aumentar a precariedade de centos de docentes.
O representante do BNG situou a resolución á demanda de actuación da CUT no plano exclusivamente sindical, ao non considerar a falta de prazas de estabilización unha cuestión de índole política.
Dende a CUT definimos como falta de vontade política a negativa da Consellería a ampliar os criterios e aumentar en consecuencia prazas, aínda que si coincidimos en que a forza da negociación residiu na mesa sectorial, co resultado xa coñecido.
Tamén incidimos na inminente saída do país, buscando a estabilidade no concurso de méritos estatal, do profesorado temporal máis experimentado xa que coa pírrica oferta na Galiza en moitas especialidades, si poderán acceder a prazas noutras comunidades.
Por outra banda alertamos ao BNG do proceder da Consellería nestes procesos ao non recoñecer o vínculo laboral das docentes temporais no exercicio dos dereitos asociados á conciliación.