
O Sr. Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, o grande adaíl da mercantilización de ensino, amosa a súa faceta máis neoliberal, manipulando e mentindo sobre a realidade do sistema público de FP en Galicia, esixindo financiación desde o Estado, criticando o desenvolvemento da Lei Orgánica 3/2022 de ordenación e integración da Formación Profesional FP, que non é máis cun borrador, e reclamando a substitución do profesorado público por persoal supostamente experto, procedente da empresa privada.
Na súa arenga preelectoral, esixe máis financiamento para a nova FP, o mesmo día que o Ministerio de Educación anuncia unha partida de 980 millóns de euros para as CC. AA.; corresponden ao noso país case 80 millóns. Obvia o Sr. Rodríguez que recibe moreas de cartos desde o 2020, sen reverter na mellora no ensino público. Un sinxelo exemplo é a falta de medios informáticos nos centros integrados da FP; nalgúns casos, só dispoñen de 10 ordenadores para máis de 100 profesoras. Con todo, estannos a recordar a necesidade da competencia dixital das docentes, pero asumindo os custes as traballadoras, aportando os nosos recursos propios. E onde foron os cartos recibidos? A resposta é clara: nos centros privados, seguindo coa privatización do ensino comezada polo Sr. Feijóo no 2009.
O Conselleiro de Educación despreza as novidades do novo sistema, co argumento de que se están a levar a cabo no seu feudo desde fai anos. Sorprende a falta de vergoña ante tanta manipulación da realidade. En primeiro lugar, a nova Lei de FP e seu primeiro proxecto de desenvolvemento, propón un sistema totalmente novo, baseado en dous premisas básicas: a flexibilidade, fomentando a formación ao longo da vida, e integración das dúas vías existentes, a académica e a laboral. Bótase en falta no seu discurso, o recoñecemento deste feito, que permite achegar a FP á realidade socio laboral do país e aos sistemas de FP dos países europeos máis avanzados. Esta proposta, que non é nin de lonxe a mellor, apostando tamén pola privatización agachada, a pesar de vir do “goberno máis progresista da historia”, merece ser considerada, ao menos. Ao mesmo tempo, recoñece non ter realizado a análise do texto (?). Como se pode criticar o borrador sen telo estudado? Sinxelamente, porque si o coñecían, si o levan tempo negociando no Conferencia Sectorial de Educación e noutros foros, pero non gusta, porque non afonda o suficiente na privatización.
Pretende o Sr. Rodríguez convencernos de que a inclusión do inglés, nunca do galego, ou as dobres titulacións son as grandes novidades, que é certo que levan tempo na FP galega, pero tamén en moitas outras comunidades. Máis aínda, presenta as accións formativas para desempregados como un logro da propia Consellería, único no Estado español. Lonxe da realidade, esas accións levan implantadas moitos anos en todas as CC. AA. e na propia administración do Estado, a través do SEPE. Esquece tamén outros moitos cambios, como os itinerarios integrados ou os novos niveis formativos, como o grao C ou certificados profesionais (non confundir cos certificados de profesionalidade).
Pero máis sorprendente é a afirmación de que “a FP Dual xa está deseñada a medida das empresas”, incidindo de novo no desmantelamento do ensino público. É doado comprender que o obxectivo último dun sistema público de ensinanza é a formación do alumnado, máis aló de calquera interese económico, político ou corporativista. As alumnas deben estar no centro do sistema, ao redor das que xiramos as demais axentes da comunidade educativa. Polo tanto, a FP debe deseñarse segundo as necesidades dese colectivo e non someterse ás esixencias do empresariado. Este ten outra concepción da FP, coa finalidade de autoabastecerse de man de obra barata. Só hai que remitirse aos feitos: imprevisión absoluta na creación de ciclos, FP Duais experimentais que xorden de súpeto sen as previsións necesarias, empresas sen a programación previa ou que a ignoran, ausencia absoluta de control sobre as que incumpren a normativa laboral, sanitaria, de prevención de riscos, etc. Para elas, a Xunta de Galicia creou unha “barra libre” chamada FP Dual. No ámbito da FP é imprescindible a participación empresarial, pero xunto co persoal dos centros educativos, as nais e pais e a sociedade, en xeral. Se alguén sobra, é a propia administración da Xunta.
E precisamente unha das razóns polas que a Xunta rexeita o borrador é que di, no seu artigo 151.2, que a formación na empresa será curricular e nunca laboral ou de prácticas, nin as alumnas poden substituír ás traballadores, fixando rotundamente a condición de persoas en formación.
Seguindo coa análise do discurso, Román “Adaíl” Rodríguez reclama liberdade para a contratación de formadores do sector produtivo. O borrador propón a creación de novas figuras docentes, que merecen unha análise detallada.
Os expertos do sector produtivo exercerá a docencia, tendo a consideración de interese público, polo que poderán compaxinalo co seu traballo na empresa. A indefinición é absoluta, porque se botan en falta os requisitos de formación, incluído os pedagóxicos, e a concreción da súa actividade docente nos centros educativos. Porén, o borrador establece no artigo 165.6 que, en caso de non haber profesorado funcionario nin inscritos nas listas de interinos, poderán incorporarse profesionais cualificados, como expertos do sector produtivo. Pero as administracións educativas deberán ter aberto as listas de interinos nos meses anteriores á incorporación dos expertos . “Isto limita a posible incorporación á docencia desta figura clave para a FP”, laméntase o Conselleiro, porque a orxía neoliberal prevista para a FP vese limitada polo exposto. Como era de esperar, non critica o artigo 165.4 no que se propón que o profesorado público poderá ampliar voluntariamente o seu horario de traballo, sen concretar se sería retribuído, ou o 172, sobre o experto sénior docente, profesores xubilados que, en ningún caso recibirían retribución salarial.
Doutra banda, está a vender interesadamente a equiparación salarial dos profesores técnicos de FP, coa queixa de ter que asumilo en solitario. Ao Sr. Rodríguez esquecéselle que as CC. AA. teñen distintas fontes de financiación, como os impostos propios ou a parte do IVE que lle corresponde, que non se inverten na mellora dos servizos públicos, senón, unha vez máis, na financiación da empresa privada, sen ningún control polos órganos competentes.
Finalmente, Román Rodríguez lamentou as présas do Goberno central por acelerar o desenvolvemento da Lei FP “antes das próximas eleccións estatais”, cando neste se celebrarán as municipais. Argumenta que o Ministerio non deixa tempo para estudar as propostas. Analicemos a realidade. A Lei da FP foi publicada o 1 de abril do 2022 e antes desa data sabiamos todos que, como norma básica, tiña que ser desenvolvida. O 5 de agosto abriuse o período de consulta pública previa, para recibir aportacións ao respecto. Doutra banda, o xornal La Razón, pouco sospeitoso de comunista, bolxevique ou bolivariano, afirma no seu artigo “Educación apura prazos coa nova lei da Formación Profesional” do 18 de xaneiro pasado, que o Ministerio de Educación ultima coas comunidades autónomas o decreto. Segundo o xornal, a idea era que en decembro estivera listo empezar a aplicalo no curso 2023/24, pero na reunión do Ministerio coas autonomías, en decembro pasado, quedou clara a imposibilidade de aplicalo.
Entón, de novo minte, enlamando o proceso de elaboración da normativa da FP, necesaria e urxente, apostando polo seus intereses políticos e, como non, neoliberais, que á desaparición do sistema público de FP.