Represión sindical na Casa das Crechas

97

O compañeiro Iván foi DESPEDIDO por defender condicións laborais dignas! No segundo semestre do 2010 a sección sindical CUT-Crechas e a Central Unitaria de Traballadores/as fixeron caer unha das máscaras máis emblemáticas do escenario pseudo progresista compostelán ao denunciar os atropelos en materia laboral verificados no pub Casa das Crechas. Estes abarcaban un amplo abano de irregularidades, como a presenza de persoal sen contrato nin alta na seguridade social, o incumprimento do descanso mínimo de 12 horas entre xornadas, ausencia de calendario laboral, negativa a aplicar o complemento de nocturnidade recollido no convenio e o non recoñecemento das horas ilegais realizadas por riba do horario estipulado nos contratos, que seguirían a producirse de non ser polo traballo de denuncia e presión realizado pola representación sindical nesta empresa. Mais alén de todas estas vulneracións, da estafa á Seguridade Social e aos seus traballadores e traballadoras, tamén é de coñecemento público as artimañas que vén utilizando o administrador único desta empresa para eludir as responsabilidades que lle corresponden e tratar de asfixiar o traballo de reivindicación de dereitos realizado pola sección sindical. Modificación dos horarios de peche para esquivar o pagamento das horas extraordinarias, estraños protocolos de traballo que atentan contra a liberdade de expresión das persoas traballadoras, deslexitimación da delegada de persoal elixida por unha ampla maioría do plantel… Entre as manobras empregadas polo empresario Vítor Belho non faltou a tentativa de esmascarar unha situación de explotación co verniz da economía social. Non obstante, nas últimas semanas as tácticas empregadas polo empresario asumiron un tinte aínda máis agresivo se cabe: presións de todo o tipo e chantaxe emocional, obstrución do traballo sindical, agresión a un  traballador por un dos integrantes da camarilla deste coñecido  personaxe, tentativa de comprar o silencio doutro mediante un cese forzado no seu posto, chamadas a policía para identificar a traballadores con fins  intimidatorios, imposición de sancións arbitrarias… Mais hoxe a saña empresarial de Belho deu un paso máis co despedimento inxustificado do compañeiro Iván, traballador da Casa das Crechas dende fai 7 anos. Tras un procedemento sancionador irregular do cal o traballador e a delegada de persoal nunca tiveron constancia, e despois de negar a súa entrada no centro de traballo, a Iván bótano por cumprir coa súa obriga e ir traballar ao non ter notificada a suspensión de emprego e soldo por 16 días. Máis ben, a Iván o despiden por reivindicar os seus dereitos e negarse a aceptar unha oferta económica dirixida a derrubar unha sección sindical cohesionada ante o abuso da patronal.   Dende a sección CUT-Crechas e a Central Unitaria de Traballadores/as non imos tolerar a actitude prepotente e abusiva deste empresario. Que tome nota Vítor Belho: ningunha agresión contra a clase traballadora quedará sen resposta.   Xa abonda de persecución e acoso laboral! Ningunha tregua aos abusos da patronal!   IVÁN READMISIÓN!!!