O estado reforzou a súa autoridade pasándolle a tesoira aos dereitos civís, sociais e políticos. No corsé dun Código Penal endurecido, e elaborado contra a disidencia cabe o esencial. E para o demais foi que se creou o caixón de sastre da chamada Lei Mordaza. Con ela a Administración convírtese en xuíz e parte e os motores da represión sigan a roldar. O Reino de España rescata agora toda a lexislación de Orde Pública franquista. Normas elaboradas para oficializar o medo. Todo isto ao paraguas da impunidade policial, con permanentes cargas desproporcionadas por parte das forzas de seguridade, e cun aparato xudicial dirixido a que todo o peso da Lei caia sobre as persoas que ousan infrinxir os seus postulados fascistas. Un aparato xudicial ben máis indulxente á hora de perseguir, por exemplo, a violencia patriarcal.

O feito de que o Xuíz de Garda tivese a ocorrencia de introducir a “sedición” como un elemento de valoración nas desocupacións devólvenos para atrás na historia

A xeografía da represión é múltiple, e agora tocoulle á Coruña. Como resultado do brutal desaloxo da CSOA A Insumisa entrou na cadea un compañeiro nun inconcebible uso político da prisión preventiva como ferramenta de castigo fronte á contestación popular, cuns atestados policiais cheos de fabulacións e claramente inverosímiles. Pero a ciencia-ficción non se detén aquí, como nos peores produtos cinematográficos de Hollywood un figurante, o xuíz de garda, coa contribución de Fiscalía, entenderon que conducta deste activista é constitutiva do tan catalán delito de sedición. A esta atribución súmaselle, como é obvio, o pack represivo básico; atentado, desordes públicas e lesións.

Se xa habitualmente a creatividade das forzas policiais e xudiciais para a persecución da disidencia non ten límites, desta volta están a atribuírse gravísimos delitos. Aínda que non hai unha investigación formal por este delito, o que demostra a falta de credibilidade desta tese, o feito de que o Xuíz de Garda tivese a ocorrencia de introducir a “sedición” como un elemento de valoración nas desocupacións devólvenos para atrás na historia. Castigado con ata 15 anos a quen “se alce pública e tumultuariamente” para “impedir, pola forza ou fóra das vías legais, a aplicación das leis” o tufo franquista deste tipo delicitvo que serve para o combate ideolóxico aos “inimigo do Estado pasou desapercibido pola súa crueza para os xuíces da Restauración Borbónica para rexurdir en pleno s. XXI.

A perigosa moda da sedición pretende activar o medo e desactivar a resistencia. A loita das activistas antidesafiuzamentos, dos Comités de Folga, do movemento feminista ou das e dos nosos pensionistas podería ser encadrada aquí e tal paranoico experimento xudicial tiña que ter lugar nun espazo de represión da okupación.

Rocío Fraga, Concelleira con competencias en Seguridade e autora da famosa “quen teña probas que as traia” volve mentir aseverando que a Policía Local non presentou denuncia contra ninguén. Este rexime de mentiras sitúanos ante unha única posibilidade: esixir a súa dimisión.

Pola súa vez, o desgoberno da Marea Atlántica da Coruña desmárcase das detencións sinalando que o Concello non ten responsabilidade algunha. Despois do lamentable teatro antidemocrático no pleno municipal da concelleira delegada de Seguridade Rocío Fraga, autora do famoso hit “quen teña probas que as traia”, o goberno municipal volve mentir aseverando que a Policía Local non presentara denuncia contra ninguén. Algo que desminte non só o propio corpo policial, senón o feito obxectivo de que o Sr. Brandariz, xefe da farándula policial local, rexistrou no Xulgado de Garda unha detallada nota do acontecido para a súa investigación xudicial.

O desgoberno municipal quere infantilizarnos, debuxándolle cornos e rabos aos axentes da Policía Nacional e retratándose a si e á súa Policía Local como as perfectas vítimas dun complot. Un complot, claro é, do PP (sempre o PP!). Pero o conto xa non dá máis de si. E o encubrimento por parte do Concello da detallada maneira na que a Policía Local da Coruña deu conta ao Xulgado de imaxes, fotogramas, vídeos, identificacións e relatos do desaloxo e a súa capacidade para mirar para outro lado mentres a súa Policía aplica cargas desproporcionadas e mercenarias contra o activismo da cidade, sitúannos ante unha única posibilidade, esixir a dimisión inmediata de Rocío Fraga, Concelleira con competencias en Seguridade , por ternos sometido a un rexime permanente de enganos e falsidades. Dos relatos posmodernos e de rebeldía estético-revolucionaria non se vive. Vivir é defendernos a nós mesmas e defender o pan.

A represión na Coruña ten caras, as destas 5 persoas que queren procesar. Podería ser calquera das múltiples demócratas que se enfrontaron a un desaloxo de faceta múltiple, no que coincidían as forzas da Marea Atlántica e as policías do PPSOE.

Podemos ter medo, que é un sentimento digno. Pero non podemos vernos inmobilizadas por el. Toca organizar a rabia a través da ferramenta da Unidade Popular e poñerlle freo aos gobernos dunha e outra cor, que botando man da xudicatura e dos corpor policias, queren poñerlle coto aos nosos soños e, sobre todo, á nosa necesidade de avanzar.