A CRTVG cesou o 27 de maio aos responsables das delegacións da TVG de Vigo e Lugo alegando que cometeron unha falta moi grave de deslealdade e abuso de confianza.
Os tres delegados aos que se lles abriu expediente redactaron documentos que foron empregados en defensa dos traballadores nos xuízos polos traslados de centro de traballo e os despedimentos que sufriron 47 compañeiros o 30 de novembro pasado tras o peche das delegacións de Ferrol, Pontevedra, Burela, Porto e Bruxelas.
A Dirección de Recursos Humanos considera que eses tres traballadores vulneraron un artigo do convenio colectivo, relativo á clasificación das faltas disciplinarias, que pode supor o seu despedimento
A representación sindical na CRTVG considera que con esta actuación inxustificada a empresa só pretende represaliar estes traballadores para sementar o temor entre todo o cadro de persoal para que non reclame os seus dereitos.
A CUT, a CIG, a USO, a UXT, CCOO, ARG e o SXG, que integran a totalidade da representación sindical elixida nas recentes eleccións, condenan unánimemente esta represalia que consideran unha grave agresión contra os dereitos dos traballadores, que únicamente se limitaron a dar fé da realidade laboral que xeraron os peches do 30 de novembro.
A parte social manifesta o seu apoio a estes compañeiros como traballadores, independementemente dos cargos de responsabilidade que viñan ocupando.
Os representantes dos traballadores da CRTVG, TVG e RG acordaron dun xeito unánime estudar medidas de presión para defender a legalidade e os dereitos dos traballadores.