Repensar o modelo sindical

510

Santi Martínez 

traballador do téxtil 

César Caramês 

traballador do ensino

ACTIVISTAS SINDICAIS E VECIÑAIS DA COMARCA DO UMIA

Contexto

A transformación do mundo do traballo vén deixando en evidencia as carencias dos modelos sindicais que teiman en resistir ancorados en narrativas de 1970. Aquel escenario, poboado polas esencias do Estado do benestar e o heroísmo sindical do obreiro fordista vese superado polo estourido da crise capitalista que hoxe padecemos. As principais ferramentas daquel modelo, a negociación colectiva e a representación sindical, aparecen esmagadas hoxe na realidade deseñada para os países do sur da UE. A homologación coa man de obra do “terceiro mundo” mediante a liquidación de dereitos laborais ofrécenos unha marxe de manobra demasiado limitada como para seguir insistindo en experiencias exitosas en moitos casos pero xa superadas.

A transformación do mundo do traballo vén deixando en evidencia as carencias dos modelos sindicais que teiman en resistir ancorados en narrativas de 1970

No contexto estatal, as centrais sindicais CCOO e UGT son totalmente identificadas como piares do Réxime do 78, e xa que logo, partícipes da súa decadencia, vítimas tamén da crise de credibilidade que afecta á columna vertebral da narrativa. As súas continuas traizóns, os seus escándalos de corrupción, a súa dependencia do Estado, o seu patolóxico afán pactista, a cesión da súa natureza á perversa responsabilidade… foron engordando o deterioro da palabra sindicato. Aínda así, CCOO e UGT retiveron o capital simbólico do termo e séguense atribuíndo unha representatividade que non posúen. Non hai máis que ollar para a súa afiliación real ou en como se desenvolve o seu día a día para sumar delegados/as a calquera prezo en eleccións sindicais supostamente libres.

Negociación de convenios e eleccións sindicais perden importancia nun marco no que a legalidade propón despedimento libre, precariedade e desequilibrio da relación laboral. A desaparición do conflito de clases da narrativa de consumo provocou a imposibilidade de mantérense como representantes dunha clase traballadora moito máis heteroxénea e precarizada que nos tempos nos que medraron. A dependencia económica e a súa burocratización fixéronos ferramentas inútiles para a causa para a que foron concibidos, ao atarse polo pescozo ao inimigo.

No noso país, a existencia dun sindicalismo propio que identifica sen reparos a CCOO e UGT como exemplos dos que afastarse conseguiu conter ese devalo e manter as taxas de mobilización e de conflitos laborais entre as máis elevadas do Estado. Os cambios producidos na sociedade en xeral e no mundo do traballo en particular (no punto de mira da ofensiva neoliberal que vivimos) provocan que resulte imprescindible repensar fondos e formas a respecto doutros tempos. Os conflitos de Vigo e Ferrol do 72 merecen un lugar privilexiado na lembranza, pero non poden seguir sendo munición argumental para unha clase traballadora cunha composición radicalmente distinta.

Na medida na que as estruturas sindicais e as persoas que as integran e as dirixan amosen incapacidade para ler os cambios producidos na sociedade nos últimos lustros, a tendencia á inutilidade acentuarase inevitablemente.

Hoxe as organizacións sindicais que queiran afastarse do devalo de CCOO e UGT teñen que ollar de fronte para unha realidade composta pola precariedade, a inestabilidade laboral, a temporalidade, o medo, a falta de liberdade de elección, o propio desprestixio sindical… Unha clase traballadora en gran medida terciarizada, que xa non se fai forte na fábrica senón que traballa 12 horas ao día na hostalería, que sofre as condicións de chantaxe do telemarketing, que se converteu en autónomo/a dependente ou que foi empuxado/a á terra prometida do emprendemento.

Na medida na que as estruturas sindicais e as persoas que as integran e as dirixan amosen incapacidade para ler os cambios producidos na sociedade nos últimos lustros, a tendencia á inutilidade acentuarase inevitablemente. As chamadas á afiliación, á folga, á mobilización ou á resistencia producen hoxe un efecto mínimo entre unha mocidade que padece un 50% de paro, e que como alternativa ten a emigración. Cómpre repensar fórmulas para demostrar utilidade real e para combater un desprestixio que marxina e estigmatiza, cómpre non alimentar ese afastamento dunha clase traballadora chea de contradicións e moi lonxe desa idealización da que a miúdo se nutren os argumentarios e discursos setenteiros.

Repensar o organizativo

Calquera camiño que pretenda reverter a situación actual debera atender a un contexto no que os centros de traballo xa non son as únicas fortalezas nas que facer músculo nin os redutos da clase obreira pura. Ir máis alá das paredes das fábricas antóllase imprescindible, orientarse cara á creación de comunidade, cara a pensar o sindicato non como guía nin garante da pureza, senón como utilidade práctica da que poder botar man e que atravesa todas as facetas da vida. Un sindicalismo, por resumir, máis social e menos institucional.

Nun contexto en que a presión da mobilización e a construción do contrapoder substitúen a negociación colectiva e as eleccións como prioritarias, é preciso adaptar as ferramentas às novas necesidades. Foi o asembleariasmo o que permitiu organizar as grandes folgas sectoriais, non as interminables reunións de secretariados, secretarías e toda caste de organismos de representación e intermediación. Participación, mobilización e formación danse a man nunha praxe coherentemente tranformadora, por iso resulta vital a democratización das centrais. As asembleas comarcais de filiados poden recuperar a súa principalidade como órganos decisorios suprafederativos que subsumisen as de delegados/as. Pódense arrombar tamén as responsabilidades executivas unipersoais por comisións de traballo con responsabilidades colectivas adaptables. A conformación de grupos voluntarios de resposta rápida, estables e formados, garantiría desde a asistencia a concentracións inmediatas a presión sindical ou servizos de orde nas grandes mobilizacións. Por pór tres exemplos realizables nesta liña.

Calquera camiño que pretenda reverter a situación actual debera atender a un contexto no que os centros de traballo xa non son as únicas fortalezas nas que facer músculo nin os redutos da clase obreira pura

Un dos vicios xerados a partir do modelo sindical que chega ata os noso días conleva o risco de que os/as liberados/as asuman unha presenza excesiva nas direccións, tendendo a perpetuarse nelas de non existir restrición ningunha. Deste xeito, limitar o tempo das liberacións ou a súa presenza nos órganos de dirección ben podería ser unha proposta perfectamente asumible. Pola mesma, a introdución de restricións podería actuar tamén para evitar as liberacións sen experiencia laboral ou sindical previa. O mecanismo habitual para a reprodución do representacionismo da clase media da esquerda electoral no interior dos sindicatos.

Lonxe desa funcionarización do sindicato camuflada de revolucionarismo profesional, cumpriría aumentar a presenza do colectivo de desempregados/as para situárense ao nivel de calquera outra federación sectorial. Como sinalamos, máis da metade dos traballadores/as mozos/as está no paro e Galiza segue á cabeza da emigración do Estado. Por iso se volve imprescindible ter en conta tamén as limitacións que un/unha desempregado/a para participar activamente na vida interna da organización. Sería necesario introducir todos os mecanismos posibles que facilitasen esta inclusión. Para iso, os encontros, asembleas ou calquera actividade do sindicato non debe ser un acto gris ao que custa asistir sen ter moi claro o seu proveito. Neste sentido, a xestión das reunións mediante mecanismos que corrixen a discriminación da muller, eliminan a agresividade, impiden o monopolio da palabra e fomentan a participación e a resolución práctica víranse tamén fundamentais.

Ese aperturismo social pasa igualmente por adoptar medidas que vaian máis alá do ámbito estritamente laboral. Xornadas lúdicas, actividades formativas prácticas, cooperación en pé de igualdade co resto de actividades da comunidade, etc.

Repensar o político-económico

Cómpre renunciar a calquera soño socialdemócrata de volta ao Estado do benestar. Este paso imprescindible devén especialmente complicado despois de décadas desa adaptación burocrática e mesmo da dependencia económica até nos sindicatos máis combativos. Porén, rotos os pactos sociais, é preciso ollar para a situación que os antecedeu sen mímeses mediocres. No sindicalismo revolucionario que non contaba coa intermediación institucional fronte á patronal, o papel do sindicato era un moi outro. Desde unha postura honestamente transformadora, cómprenos revalorizar a dobre estratexia que practicaban. Por unha banda, enchendo os espazos de protección social e económica que vai abandonando o Estado desde un tecido paralelo e propio. Pola outra, resistindo os ataques aos dereitos sociais e aproveitando a conflitividade para construir discurso de ruptura en medios e produtos culturais de noso.

A asunción do novo terreo de xogo obríganos tamén a superar a centralidade da política institucional e a asimilar os medios de comunicación masivos non como ferramenta reutilizables do poder, senón como parte fundamental del

Así, implementariamos medidas que fomentasen o intercambio económico local e nacional e permitisen saltar o monopolio das grandes distribuidoras. Acordos entre sindicatos agrarios e obreiros que desen en economatos, rebaixas nos produtos por filiación e até comedores comúns ou moeda paralela mudarían radicalmente a situación presente. Non só se fomentarían os sectores produtivos propios e a xeración de emprego, senón que se superaría esa redución do sindicato ao ámbito estrito do traballo.

Esta expansión sobre a simple reinvidicación laboral permitiría ocupar espazos asistenciais con pequenos xiros organizativos. Por exemplo, facilitando a contratación e o troco de servizos da filiación en desemprego entre o resto de compañeiros mediante listaxes por especialidades nas que tivese especial importância a de asistencia a dependentes. Igualmente, abandonar a loita contra a pobreza masiva que nos sentencia o novo contexto nas mans de ONGs e entidades relixiosas resulta absurdo. Máis, se se fai apelando a vellos discursos benestaristas. A recolleita e o reparto de roupa e alimentos, mesmo a habilitación de albergues nas dependencias sindicais, amais do ben social evidente, axudan á propagación e á referencialidade do discurso. Os beneficios de garderías propias resultan tan claros que mesmo folga sinalalos.

A asunción do novo terreo de xogo obríganos tamén a superar a centralidade da política institucional e a asimilar os medios de comunicación masivos non como ferramenta reutilizables do poder, senón como parte fundamental del. O Estado español do 78, como estrutura deseñada para a súa irrerfomabilidade democrática, só permite regandixas de vitoria nos ámbitos locais e, en casos concretos, nacionais. Alí onde a proximidade fura na ditadura do discurso oficial dos medios do rexime e as corporacións. A absoluta independência sindical verbo dos partidos de calquera cor é garante de que non se sacrifique a transformación social na trampa dese xogo electoral trucado. De aí tamén a importancia da creación e fomento de medios de comunicación contrahexemónicos e do papel dos sindicatos cabo das outras organizacións sociais de todo tipo como construtores colectivos da nova narrativa.

Concluíndo

A adaptabilidade constitúe o alicerce das vitorias desde Sun Zi a Lenin. En calquera confronto ou loita, perde quen non reacciona a tempo. Porén, peor que a derrota por incapacidade estratéxica é ter conciencia da súa inminencia e ficar quieto a mantenta por intereses alleos aos que se di defender.