Despois de ter acadado un acordo indemnizatorio coa empresa desactívase as mobilizacións previstas en solidariedade co compañeiro e a compañeira despedidas. Despois dun longo encontro negociador coa patronal de Easy Lunch (franquiciada da marca Burger King) chegouse nesta semana a un acordo que as traballadoras consideran satisfatorio, e que malia non recoñecer a súa readmisión, si recoñece unha indemnización de 66 días por ano no caso do compañeiro que do centro da Senra e de máis de 300 días por ano traballado para a compañeira do centro das Cancelas, ambos en Compostela. O despedimento provocara xa a denuncia desta central sindical na Inspección Laboral das nefastas condicións nas que o persoal presta o servizo, cuns índices de temporalidade estrutural ilegais e fraudulentos e o establecemento de horas complementarias ilícitas dobrando a xornada prevista no contrato de todo o cadro de persoal. Unha denuncia que prosperou e que, malia que segue a ser instruída pola inspectora responsábel, conduciu xa á transformación en indefinidos de todos os contratos en ambos os centros e ao incremento da xornada legal, certificando que a ilegalidade é un patrón común nestas multinacionais do emprego lixo. Logo dunha mobilización pola readmisión deste compañeiro e compañeira, que xuntou a varias dúcias de afiliadas do sindicato e persoas solidarias o pasado xoves 4, ambos se mostran satisfeitos do resultado xa que malia non ter sido acadado o obxectivo da súa readmisión esta saída negociada lles dá certas garantías para o coidado da súa futura crianza, principal motivo dos seus despedimentos.