Na prensa do sábado 19 de xuño, Zp recoñece que haberá reforma das pensións que consistirá en aumentar a xubilación aos 67 e ampliar os anos de cotización. Xustifican a súa decisión na crise actual e poñen como exemplo ao resto de Europa onde tamén atrasan a xubilación, pero non din que en Francia a atrasan dos 60 aos 62 anos, en Bélxica ata os 62, en Grecia, Reino Unido e Alemaña ata os 65… Na prensa do domingo, o ministro Corbacho afirma que haberá que retocar as prestacións por desemprego pois custan moitos cartos, seguindo os ditados do conferenciante “socialista” Felipe González, o mesmo que en marzo adquiriu unha vivenda en Tánger, Marrocos, en primeira liña de praia, polo módico prezo de 2,5 millóns de euros. O capitalismo segue o seu camiño libre de reformas para facerse máis e máis forte grazas aos nosos esforzos. A reforma laboral, que xa está en vigor dende que saíu no BOE, por moito que a tramiten como proxecto de lei, e un grao de area dentro do que levan feito e do que farán. De non reaccionar podemos ter ben claro que nos esperan tempos semellantes aos do capitalismo de século XIX, onde a clase traballadora nacía sen dereitos e con libre disposición para o traballo.
No seu libro “O príncipe”, Maquiavelo (século XVI) retoma o inventado polos romanos: pan e circo. Afirma as políticas máis beneficiosas para os poderosos poden levarse a cabo se o gobernante sabe entreter ao pobo. Os romanos inventaran o circo para este mesmo cometido, os ingleses (auténticos pais do capitalismo) inventaron o fútbol. O señor Zp elixiu o día 16 de xuño para aprobar a Reforma Laboral, día no que España xogaba con Suiza e podiamos ter entretida á masa traballadora, incluso a teriamos contenta coa paliza que lle ían meter aos helvéticos. A derrota non serviu para pensar na reforma, só serviu para pensar en Honduras. Maquiavelo manda. O mundial segue o seu curso nun pais no que se pasa fame, no que o 18% da poboación nace coa SIDA, non que escasean as escolas (por certo tiraron máis dunha escola para construír campos no seu sitio mandando aos alumnos a barracóns no quinto carallo)… seguramente con estes cartos poderían ter aliviado algún destes problemas. Abofé que os beneficios do mundial, se os hai, non serán para o pobo. As rúas están caladas ante o que nos están a facer, pero cando xogan eses que van de vestidos de “rojo” (como o goberno) todos e todas quedan mudos diante do televexo, eses que cobrarán 600.000 euros por cabeza se gañan o mundial, o país que máis lles paga, non podía ser doutra maneira. Sairán eles ás rúas por nós a defender os nosos dereitos?