Redondela: ocupan o concello en protesta polos despedimentos

552

Sindicalistas da CUT ocupan o edificio do Concello de Redondela en resposta ao maltrato do cadro de persoal da contrata de limpeza viaria do municipio, controlada por Urbaser.

Os traballadores e traballadoras de URBASER S.A. dos diferentes centros de Pontevedra concentráronse esta mañá diante do Concello de Redondela para defender ao seu compañeiro Gervasio, despedido pola empresa como represalia sindical.

A empresa de Florentino Pérez adoita reprimir todo intento de sindicalismo de clase alá onde ten concesións municipais, e neste caso, Gervasio foi o compañeiro elixido para atemorizar ao grupo dos traballadores que URBASER denomina “VARIOS”, e que se ocupan en traballar arbitrariamente e por decisión da empresa ao longo de toda a provincia de Pontevedra, en xornadas de traballo que varían ao antollo do encargado e en condicións inferiores ao resto de contratas.

A media mañá realizouse unha concentración no Concello de Redondela para esixir que exerza a súa responsabilidade pública de fiscalizar á empresa que ten a concesión dun servizo público. O cadro de persoal pide que non se limite á vixía do cumprimento das condicións administrativas, senón que consideran imprescindíbel que se supervise o respecto estricto aos dereitos fundamentais da clase traballadora.

Despois de falar con responsábeis da corporación esixiron que o Concello obrigue a URBASER a sentarse a negociar a reincorporación de Gervasio. Por esa mesma causa iniciaron unha ocupación do edificio municipal con intención de a manter ata mañá, esixindo solucións inmediatas.