
Este sábado pasado Redondela respondeu con contundencia á convocatoria da CUT contra a política represiva de Urbaser. Agradecemos moito a participación na manifestación, que partíu ás seis da tarde da Praza da Farola, dos veciños e veciñas con conciencia que arrouparon na mobilización aos compañeiros represaliados, así como a presencia de colectivos do tecido social desta vila como a Asemblea Feminista Paxaretas, Artelixo, o Colectivo Republicano e a Plataforma de activistas culturais Sihna Paca.
De agradecer tamén a participación de compañeiros de Urbaser chegados de distintos puntos da provincia e de afiliadas da nosa central de distintos sectores que non dubidaron en pasar a tarde dun sábado de decembro protestando contra a vulneración do dereito fundamental á liberdade sindical.
Convocamos esta manifestación pola política represiva que desatou Urbaser contra varios dos nosos afiliados por esixir respecto polos seus dereitos. Seis amonestacións, a imposición dunha sanción por falta grave, outra por falta moi grave e xa por último o despedimento dun compañeiro. A situación, o ambiente laboral non podía ser peor. O dez por cento da plantilla, contando encargados e persoal de oficiña, está en situación de incapacidade temporal por ansiedade, provocada pola actuación da empresa.
As veciñanzas de Redondela, Vilaboa, Soutomaior, Ponte Caldelas, Moaña, da Cañiza de Cambados e de Mós, teñen dereito a saber o que pasa, teñen dereito a saber que e a quen están a subvencionar os veciños e veciñas cos impostos que pagan, porque somos os traballadores e as traballadoras as que sufrimos as consecuencias das decisións ou das escollas que fan os políticos que nos representan.
Cando as situacións estoupan, as corporacións municipais aducen que elas non teñen a culpa, que elas non saben nada, cando en realidade son as máximas responsables porque teñen a obriga de controlar a actividade da subcontrata e de garantir como mínimo que estas cumpren a lei
O abaratamento das ofertas que presentan as empresas para se faceren cos contratos públicos nos concellos acarrexa irremediablemente unha rebaixa das condicións laborais. Malia que o comportamento e a actuación destas empresas que se manteñen cos cartos de todos e todas debía ser irrespochable e exemplar, sucede todo o contrario. Cando as situacións estoupan, as corporacións municipais aducen que elas non teñen a culpa, que elas non saben nada, cando en realidade son as máximas responsables porque teñen a obriga de controlar a actividade da subcontrata e de garantir como mínimo que estas cumpren a lei. Esta falta de compromiso dos responsables municipais, esta falta de control sobre os servizos privatizados, cando aparece o conflito, provoca inevitablemente molestias para os propios veciños e veciñas que o único que fan é pagar recibo tras recibo.
Moito papel de Bárcenas e moita escenografía de xuízo sobre xuízo para condear aos culpables, pero aí seguen as subcontratas: ninguén quere meterlle man a este modelo. Multinacionais, con capital español e agora tamén outros capitais estranxeiros, que se reforzaron coa transición, pero xa existían durante o fascismo. Cambiaron de pel pero non de mañas
O modelo de privatización dos servizos públicos, deseñado para soster a corrupción e engordar os petos dos corruptos a costa da clase traballadora, é no fondo o verdadeiro culpable do que está a pasar. Moito papel de Bárcenas e moita escenografía de xuízo sobre xuízo para condear aos culpables, pero aí seguen as subcontratas: ninguén quere meterlle man a este modelo. Multinacionais, con capital español e agora tamén outros capitais estranxeiros, que se reforzaron coa transición, pero xa existían durante o fascismo. Cambiaron de pel pero non de mañas.
Ningún estudo económico é capaz de demostrar que privatizar un servizo sexa mellor para as arcas públicas. Se non é rendible para as administracións, se non ofrece nin aforro nin eficiencia, por que continúan aí? Para favorecer a quen? Para cando un cambio de rumbo? Esixámolo xa entre todos e todas. Non será fácil, pero é posible, urxente e necesario.