A Consellaría de Educación volve a obviar o problema da temporalidade no ensino público e a non recoñecer a fraude de lei e abuso nas súas traballadoras. Aínda tendo persoal impartindo aulas como temporal dende o ano 1987 nos seus centros, dan por pechado o proceso de estabilización e publican unha convocatoria de prazas sen incluír medida algunha que repare a situación destas docentes.
Mentres se está a cociñar a reforma do EBEP que recoñece a alta temporalidade nas AAPP, Feijóo e Román seguen a dicir que aquí non hai temporalidade entre os docentes, poñéndose un pano nos ollos ante un sistema selectivo fracasado e que non estabilizou á grande maioría de temporais de longa duración. Non hai máis que botar unha ollada aos resultados destes procesos nos que xente nova sen experiencia ocupou esas prazas de suposta estabilización.
Nos orzamentos galegos deste ano contémplanse procesos entre 2021 e 2024 para consolidar ao persoal de distintas Consellerías e mesmo aceptan a acumulación de prazas nunha soa oportunidade e procesos negociados. Porén, para os docentes non hai tal proceso senón continuidade na falta de acceso, dereitos e dignidade nos seus postos, perpetuando o seu trato diferente e elixindo non democratizar os centros de ensino.
O recurso á vía xudicial que ten diante a Xunta de Galicia é unha ferramenta máis para deter esta negación da realidade de milleiros de docentes galegos ante a inacción dos actores sindicais parte da Mesa Sectorial que xustifican a súa tranquilidade nun Acordo de Interinos que o EBEP pode botar abaixo tal como o coñecemos, ante o silencio das organizacións asinantes do mesmo e que consideran esmola suficiente para interinos con décadas de experiencia nas aulas.
Este ano contamos co agravante da desaparición do Corpo de Profesorado Técnico de FP que levará a centos de docentes temporais a non poder optar nunca máis ao seu posto como funcionarios de carreira, tras anos de desempeño no mesmo e en situación de fraude de lei, sen tirar a titulación que esixe a nova normativa e que nalgúns casos nin tan sequera existe, pasando a formar parte dun corpo especial de profesorado especialista. Novamente unha situación de abandono para este persoal tras anos sen acceso e cunha falsa estabilización sobre a mesa.
Por todo isto a CUT Ensino non pode aceptar unha nova oferta na que se ignore a realidade de boa parte do profesorado galego que sigue nos xulgados a súa loita e nas rúas secundando a folga do 18 de xuño, manifestándose nas rúas e recollendo as sinaturas necesarias mediante a INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR para que, aquelo que o goberno de Feijoo nos nega, sexa debatido, tratado e recoñecido no máximo órgano de representación de todas as galegas: o arco parlamentario do Hórreo, no que terán que explicarnos a todas e todos a deixadez do noso goberno para coa calidade, estabilidade e dignidade das que manteñen os servizos públicos na Galiza.