Recuperar os medios de comunicación públicos é cousa de todas: mani sábado 8 de setembro en Compostela

258

Os comités de empresa da CRTVG e RTVE-G convocan para o vindeiro 8 de setembro unha manifestación en Compostela pola dignidade dos medios públicos de comunicación

A marcha partirá dos centros emisores das dúas cadeas en San Marcos ata a Praza das Praterías e rematará coa lectura dun manifesto e actuacións musicais

O Comité Intercentros da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) e o Comité de empresa da Corporación de Radio e Televisión Española en Galicia (CRTVE-Galicia) convocan a toda a sociedade galega a participar na manifestación que convocaron conxuntamente para o vindeiro sábado 8 de setembro en Compostela co obxecto de reivindicar a dignidade dos medios públicos de comunicación.

A manifestación consiste nunha marcha que coincide co último treito do Camiño de Santiago cun percorrido que comezará ás 10:30 nas instalacións da CRTVG en San Marcos, pasará inmediatamente despois pola sede que CRTVE ten tamén en San Marcos, continuará polo Monte do Gozo e a Igrexa de San Lázaro, seguirá arredor das 11:30 por Concheiros e o Cruceiro de San Pedro antes de entrar na cidade vella pola Praza 8 de Marzo arredor das 12 da mañá e continuar por Casas Reais, Praza de Cervantes, Caldereiría e a Praza do Toural, para rematar arredor das 12:30 na Praza das Praterías.

No destino da manifestación vaise proceder á lectura dun manifesto común dos comités de empresa dos dous medios públicos para expoñer a problemática que motiva a protesta e as demandas que pretenden facer chegar á sociedade. O acto rematará coas actuacións musicais de Uxía, Guadi Galego e Xabier Díaz na mesma Praza das Praterías

Os comités de empresa dos dous entes públicos de comunicación promoven conxuntamente esta manifestación para reivindicar a dignidade, pluralidade e imparcialidade dos medios e contra o seu uso partidista e a manipulación informativa, logo de que o propio persoal persoal puxese en marcha -primeiro en CRTVE e despois na CRTVG- os denominados “Venres Negros”, mobilizacións que secundan cada venres os traballadores e traballadoras do centro territorial da CRTVE en Galicia e o persoal da CRTVG en sinal de protesta pola situación que atravesan.

A representación sindical de ambos os dous comités asegurou na rolda de prensa que os medios públicos están nunha situación de deterioro a causa dun modelo de xestión que non atende aos criterios de servizo para os que foron concibidos, con constantes recortes orzamentarios, precarización do persoal e unha externalización da produción cara contidos afastados desa encomenda. Igualmente, os comités demandan un compromiso imprescindible para rematar coas prácticas de manipulación informativa instaladas nas televisións e radios públicas a través de ferramentas normativas eficaces que permitan a erradicación definitiva da inxerencia política nos labores xornalísticos.

A CUT chama a toda a afiliación a participar nesta marcha, xa que recuperar os medios públicos de Galicia do secuestro aos que os ten sometidos o Partido popular é unha tarefa imprescindible e de todas e todos que non se pode demorar por máis tempo. Este sindicato aplaude tamén a suma de forzas que supón esta iniciativa conxunta dos dous comités de empresa da CRTVG e de CRTVE, que veu precedida pola mesma sinerxia solidaria que se xerou de xeito espontáneo entre o persoal de ámbalas corporacións cando agromaron os venres negros cheos de dignidade.