Recollida de sinaturas de apoio á ILP Liberemos A Galega

81

A Plataforma “Por unha CRTVG ao Servizo do Pobo”, da que forma parte a Central Unitaria de Traballadoras, instalará este martes mesas nas rúas de 16 cidades e vilas galegas ás 17 h para iniciar a recollida de sinaturas en apoio da Iniciativa Lexislativa Popular “Liberemos a Galega”.

O acto principal co que arrinca a suma de apoios terá lugar en Santiago de Compostela, onde estarán as voceiras da plataforma: Tereixa Navaza e Manuel Pampín.

“A plataforma denuncia o control político ao que están sometidos os medios de comunicación públicos, TVG e Radio Galega, e reclama que se poña fin á manipulación informativa, garantindo, por lei, a súa independencia”

A plataforma fai un chamamento ás galegas e galegos a manifestar o apoio masivo a esta Iniciativa Lexislativa Popular (ILP). Denuncia o control político ao que están sometidos os medios de comunicación públicos, TVG e Radio Galega, e reclama que se poña fin á manipulación informativa, garantindo, por lei, a súa independencia.

A ILP ten como obxectivo, ademais, que a CRTVG cumpra os fins para os que foi creada: promoción e defensa da nosa identidade, da nosa lingua e da nosa cultura; garante do pluralismo ideolóxico, político, cultural e social e promoción activa da igualdade. Cuestións que considera esenciais para o normal funcionamento do noso sistema democrático.

Dende a CUT urximos á cidadania a apoiar esta iniciativa e todas aquelas que xorden en defensa duns medios públicos libres e plurais, como garantes do noso dereito á información e da saúde democráticas.