Reclamamos en Redondela un servizo de atención no fogar digno para usuarias e traballadoras

251

Máis de 500 persoas entre traballadoras, usuarias e familiares, mobilizámonos unha vez máis en Redondela para defender un servizo de atención ao fogar digno.

As traballadoras deste servizo, privatizado a través da concesión municipal á empresa Os Ventos, denuncian a situación na que dende hai tempo se atopan as usuarias e tamén quen presta o servizo, froito da política de baixo custo da empresa. As traballadoras sofren o incumprimento da suba salarial do IPC, atrasos nos pagos das nóminas e irregularidades nas mesmas (impagos de quilometraxe, pluses domingos e festexos e horas extraordinarias), o non respecto dos dereitos laborais que tiñan no momento da subrogación (salario, xornadas, horarios, cadros vacacionais), desigualdade na conciliación familiar-laboral, modificación substancial dos plans de traballo, non constan os desprazamentos entre domicilios…

Todas estas carencias derivan no deterioro do servizo ás persoas usuarias. Día tras día entran por rexistro no Concello as reclamacións de familiares e beneficiarios (por non percibir o servizo, porque lles cambian as auxiliares de referencia, porque lles modifican o horario, porque lles reducen o tempo de servizo…) sen recibir ningunha resposta, nin aclaración as súas queixas.

No lugar de procurar empresas que dean unha mellor calidade no servizo, parece que só interesan empresas “low cost” como Os Ventos, que só teñen como obxectivo abaratar custos na procura dun maior rendemento económico sen importarlles a calidade do servizo prestado nin a seguridade tanto para as persoas traballadoras coma as usuarias.

Dende a CUT non imos permitir que sigan minguando os dereitos das traballadoras. Pedimos que se promovan e se garantan os dereitos das persoas maiores, en toda a súa diversidade, para que os gobernos e as sociedades sexan conscientes das súas obrigas e responsabilidades en materia de dereitos humanos cara as persoas maiores agora e nun futuro.