A esquerda política e social asemblearia de Compostela convoca un recibimento popular do 25 de abril na noite de mañá, 24 de abril, coa lenda “O pobo é quen máis ordena”. A partires das 22.30 horas na Praza do Pan (Cervantes) comezarase a recepción da memoria da Revolução dos Cravos con toxos na man e con intervencións político-artísticas para posteriormente saír nun pasarrúas reivindicativo pola cidade nomeado como “Marcha dos Toxos”. A marcha rematará co canto do Grândola fronte ao Parlamento Galego.A seguir, o manifesto da iniciativa:
Abril non se desarma. Celebramos a chegada do 25 de abril, a memoria da veciña Revolución dos Cravos. Celebramos a nosa firmeza. A firmeza do xénero humano na súa ansia colectiva de todo transformar. Celebramos a claridade dos nosos soños, a nosa vontade de ter descuberto hai moito que este sistema de depredación, o capitalismo, ten fin. Que o patriarcado ten un “the end” posíbel. Que pobos coma o noso saben ser libres de tutelas e imposicións. Festexamos dende a disidencia que nós unidas, nós fortes, nós fermosas, nós xigantes, nós contentas, podemos conter coas nosas propias mans as pesadas agullas do reloxo da historia.Temos alternativa, abofé. Mais non sen antes escachar, axitarnos, experimentar, tirar do elástico, mover os marcos conceptuais, enredar, pillármonos os dedos coa realidade, trabucarnos, defraudarnos un intre, recomezar, indignarnos co que non é xusto, emocionarnos, incomodarnos, estar. Temos unha alternativa que se compón paseniñamente coma un quebracabezas. Peza a peza como as nosas propias vidas. Xuntando retallo a retallo todas estas voces que ruxen por dentro de todas e todos nós.
Vimos dun pobo que non capitula. E Massó, e a loita pola reapropiación dos nosos corpos, e as experiencias dos comedores populares, e as mobilizacións contra a xenofobia, contra o euro, e Corcoesto, e as dúcias de folgas xerais, e as compañeiras da conserva, e aquilo de nunca máis! (x3), e os traballadores dos estaleiros, e que queremos unha Galiza en galego, e os servizos públicos ou a barbarie, e a economía social ou a produtividade, e a cultura ou isto… Non queremos berrar nada novo agora. Queremos berralo todo a un tempo con todos os timbres de voz.
Abril non se desarma. Nin se desarma a digna rabia que se nos atravesa no estómago coas súas ditaduras, ás súas agresións machistas, as súas guerras, os seus imperios, o seu FMI.
Pero tampouco non se desarman a paciencia ou o sorriso. Non se desarman as emocións e os corpos que se poñen ao servizo da liberdade. Nin a decisión e a contundencia de termos optado por nós. De termos posto as nosas vidas no centro. De termos afirmado que o corazón de todo activismo é a ilusión, a comunidade, a horizontalidade. De pularmos pola democracia de base. De crermos na necesidade de coidar cada un dos procesos de loita coma un cravo dunha madeixa de flores na que enredará o noso abril aínda por vir.
Amarrémonos á alegría e á loita, teñamos delas con firmeza. Sosteñamos a ilusión. Acochemos a esperanza nos petos dos pantalóns. O futuro é noso. Saibámolo coa boca. Apañémolo coas mans.
25 de abril sempre! Fascismo nunca máis!