Cando nun cole de primaria estamos aprendendo en xeometría as rectas paralelas, a forma máis sinxela e simple para que os nosos alumnos e alumnas comprendan o concepto é dicirlles que por moi longas que sexan nunca se atoparán, que sempre estarán á mesma distancia unha da outra.
Este simple exemplo pode ser útil para expresar o sentir da clase traballadora, da xente da rúa, respecto dos nosos gobernantes.
Non levamos dous meses do curso 21-22 e a realidade dos recortes no ensino público obriga á comunidade educativa a botarse novamente as rúas para reclamar o que ten que ser de todos: reclamar un ensino de calidade cos recursos suficientes.
Un centro escolar non pode garantir un ensino de calidade con recursos humanos por debaixo dos catálogos acordados ou das necesidades expresadas polas direccións dos centros.
Un centro escolar non pode atender as necesidades especiais dos nosos alumnos e alumnas se para facerlles unha valoración temos que esperar ao mes de marzo por falta de tempo e horario dos profesionais especialistas.
Un centro escolar non pode prestar a atención debida se orientadores e especialistas están cada vez máis compartidos en varios centros.
Un centro escolar non pode ter as aulas cheas e pretender un ensino individualizado, recuando nos desdobres da pandemia para así reducir mestres e mestras, todo xustificado por un axuste á carta das distancias interpersoais nas medidas Covid.
Situacións coma as anteriores, que se repiten por todo o país en multitude de centros educativos e son as que fan pensar que os que toman as decisións e os que as temos que acatalas vivimos en realidades paralelas.
Vivimos un afastamento tan grande dos nosos gobernantes respecto da realidade da comunidade educativa que non hai puntos de unión nin de encontro onde, con sentido común, poidamos marcar un principio dun cambio moi necesario e urxente a través do diálogo e a escoita mutua.
Somos realmente conscientes de que os que están nos despachos son servidores públicos igual ca nós? A clase obreira inscrita na función pública temos presente que si o somos, pero son tamén conscientes os nosos gobernantes do seu papel? Téñeno claro? A todas luces non só non o teñen claro, senón que semella que os seus nomeamentos por medio das urnas lles dotasen duns superpoderes que lles permitise estar a certa altura sobre o chan donde os problemas e conflitos diarios das nosas aulas non lles salpicasen. Gran parte deles sen vocación de servizo público e preocupados unicamente do seu propio beneficio e privilexio, non pequeno por certo.
Cómo e posible que hai poucos días, no debate dunha ILP no Parlamento, unha ILP nacida da vontade popular que busca a protección laboral de milleiros de familias e que solicitaba que o noso marco legal se cumpra e se adapte ás normas europeas, se permita aos señores do goberno galego interpelados erguerse sequera das súas poltronas e nen tan sequera escoitar o argumentario do pobo galego para estar no Parlamento.
Por todo o exposto, e o desapego tan grande entre administrados e administración,
por cousas así, somos realidades paralelas.