Readmisión nos urbanos de Compostela: o TSX condena a Aulusa a readmitir a un condutor

291

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza revisa a Sentenza do Xulgado de Santiago e condena a Aulusa á readmisión do traballador e ao pagamento dunha indemnización de 7.000 €

A empresa Aulusa, concesionaria do servizo de transporte urbano de Santiago de Compostela, vén de ser condenada pola Sentenza de 11 de xuño de 2021 da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que lle dá a razón a un afiliado da CUT nos seguintes termos:

Que estimando parcialmente o recurso de suplicación interposto pola representación letrada da parte actora Dº TRABALLADOR contra a sentenza con data do cinco de novembro de dous mil vinte pronunciada polo xulgado do social nº 4 dos de Santiago de Compostela nos autos nº 386/2020 seguidos a instancias do citado demandante fronte a Autobuses urbanos de LUGO SA, e UTE Autobuses urbanos e Lugo SA Sobre DESPEDIMENTO debemos revogar e revogamos en parte a sentenza de instancia, declarando a nulidade parcial da sentenza por infracción das normas reguladoras da mesma, e declaramos a nulidade do despedimento por vulneración de dereitos fundamentais, coas consecuencias previstas legalmente, e condenamos á demandada a estar e pasar por esta declaración e a abonar ao actor unha indemnización resarcitoria por danos e perdas en contía de 7000 euros.

A sentenza considera que os indicios de dicriminación son máis que suficientes, ao establecer que “o actor subscribiu coa demandada o 1 de novembro de 2018 contrato de obra, o cal rematou o 30 de abril de 2019, e o actor continuou prestando servizos, ata o 20 de marzo en que se lle comunica a rescisión por fin do contrato de obra (o cal xa se converteu en indefinido, por fraude de lei tras a prestación de servizos sen o amparo do contrato que xa rematara); en segundo lugar consta acreditado que o 17 de marzo de 2020 o actor solicitou un permiso retribuído por deber inescusable derivado da suspensión da actividade lectiva en base ao artigo 37.3 d) do ET e que en data do 21 de marzo de 2020 denegóuselle ao non atopase dentro dos supostos de cumprimento; e que nesa mesma data da denegación rescíndese (por segunda vez o contrato ao traballador); en terceiro lugar consta que a mediados de 2019 houbo unha asemblea de traballadores e o comité de empresa na que se informou da proposta da inspección de traballo de negociar coa empresa para a conversión de traballadores temporais en indefinidos, e o actor formulou preguntas na devandita asemblea, algo non habitual entre os traballadores temporais; e cuarto lugar consta que ademais a empresa rescindiu en igual data que ao actor, o contrato por obra doutros cinco traballadores con igual contrato temporal que o actor, e na actualidade todos os traballadores reincorporáronse á empresa, a excepción do actor; e finalmente consta que o día 1 de xullo de 2020 incorporouse ao cadro de persoal, en lugar do despedido, outro traballador que non fora contratado con anterioridade”.

A CUT parabenízase por esta resolución xudicial, que en palabras do noso Secretario Xeral Ricardo Castro implica “sinalar que as persoas con contratos máis precarios deben desfrutar dos mesmos dereitos que calquera outra traballadora. O sistema capitalista comezou por pagar menos polo mesmo traballo, continuo facéndonos convivir coa inseguridade; e tentaban agora, coa complicidade de determinados xulgados ideoloxizados no neoliberalismo, xerarquizar tamén o uso dos dereitos fundamentais. Esta sentenza de nulidade é un trunfo para o persoal precario, trunfo que indica cal é o camiño para conservar e conquistar dereitos: facelos nosos coa palabra e cos feitos”.