Quen traizoa e quen acompaña a traizón no convenio do metal?

628

Dende a CUT transmitimos o total apoio e solidariedade á Plataforma de Traballadores do Metal de Pontevedra que nestes días está a dar unha lección de dignidade de clase. Sería un grave erro que os sindicatos que negociaron o convenio (UGT, CCOO e CIG) non tomaran nota e non fixeran autocrítica ao respecto, pero lamentablemente todo indica que miran cara a outro lado, uns porque queren asinar o convenio e outros porque pretenden acusar aos primeiros como se a cousa non fora con eles, coma se non tiveran sido cómplices necesarios para chegar a esta situación.

Os traballadores do metal sentíronse indefensos, e non só porque CCOO e UGT asinaran este convenio, senón tamén porque a CIG os deixou tirados. Cando as dúas centrais españolas asinan o preacordo e desconvocan a folga nada obrigaba á CIG a asumir esta desconvocatoria. A pregunta que se fan os traballadores desta plataforma é por que non fixeron asembleas para explicar a traizón e para manter a folga en pé. A resposta que se nos ocorre é que resulta moito máis cómodo dar por pechado o conflito e botarlle a culpa ás outras dúas centrais.

CCOO e UGT reaccionan asumindo que tanto lles ten o que digan os traballadores, teñen cara abondo para non sentir vergoña. A CIG reacciona botándolle a culpa aos primeiros e encarándose cos traballadores indignados, logo infíltrase no grupo e di que quere falar con eles para seguidamente anunciar unha convocatoria de folga de catro horas para o día 12, novamente sen ter en conta a estes traballadores que mantiveron a dignidade acesa. Semella que o seu único interese é salvar as súas siglas do escarnio e maldicer, poñer o adhesivo e a bandeira corporativa e berrar que eles son os únicos defensores da clase traballadora. E de camiño calar a esta plataforma que os retratou.

Cada quen ten o seu cachiño de culpa, a soberbia e o sectarismo non son bos compañeiros de viaxe. Os traballadores do metal están a dar exemplo de que o sindicalismo se fai dende a base, dende a asemblea e a discusión en pé de igualdade, non dende a “sabedoría” dos cadros sindicais. A forza da pirámide está na base, aqueles que levan moito tempo sentados no vértice xa non miran cara abaixo e perden perspectiva.

A CUT terá o seu cachiño de culpa, non na negociación do convenio pero si en non manter a vixilancia oportuna, e asumímola con honestidade para poder emendar os erros. Dende a nosa organización poñémonos do lado da Plataforma e defendemos a súa lexitimidade fronte ás siglas que só queren ou ben a paz social ou ben sacar réditos para crear relatos ficticios que alimenten o seu ego.

PLATAFORMA DO METAL, DIGNIDADE SINDICAL!!!

Coordinadora do Metal da CUT