Galiza érguese outra mañá esfarelada pola traxedia. Pero non se debe e non se pode confundir a traxedia coa casualidade. Detrás desta vaga de lumes non hai “enfermos e enfermas” ou “delincuentes”, hai unha irresponsabilidade política estrutural que converteu os nosos montes en pasto para o lume e o drama.
Ademais da tristura e a impotencia debemos construír colectivamente a rabia. A digna rabia das e dos que sempre sufrimos as consecuencias. Das e dos que pagamos con mortes o seu saqueo organizado. A rabia contra unha administración culpable. Contra un goberno culpable. Contra un Partido Popular que leva décadas cunha política forestal ao servizo dos “amiguetes” pola que o noso país paga sempre un alto prezo.
Converteron o noso monte nunha caixa de mistos. Nunca quixeron apagar os incendios cando deben ser apagados, coa ferramenta da prevención organizada e a planificación forestal fóra da etapa de alto risco de lume. E non só, senón que en vez disto se encargaron de desprofesionalizar e destruír o servizo público de (prevención?) e extinción. De arrasar un servizo público esencial coa lóxica da precariedade, despedindo ás compañeiras e compañeiros que están a dar a saúde e a vida por todas e todos nós no combate diario contra os incendios forestais. E onte, ademais, presa do pánico, do cálculo electoral e instalado na mentira o goberno galego desapareceu deixando abandonado a un pobo que tivo que enfrontarse en solitario ás lapas.
Hai que organizar a rabia e a frustración. Só o pobo salva ao pobo. Non hai hoxe outra saída ao ecocidio, ao dano, e á morte que non sexa a dimisión do narcopresidente Alberto Núñez Feijóo.
Queiman Galiza, e nós responderemos masivamente nas diferentes concentracións convocadas ás 20 horas ao longo do país.