QUE PACTO SOCIAL?

78

Contra o goberno da fame

ímonos izar

todos os traballadores

cóbado con cóbado polo pan.

Chicho Sánchez Ferlosio.Na Restauración Borbónica cristalizaba unha división histórica entre as dúas formas confrontadas de entender a loita obreira e polo tanto a intervención sindical, que se cociñaba xa á calor do tardofranquismo. Aquela tradición sindical, na que a CUT se insere, que fixo bandeira dunha cosmovisión revolucionaria e anticapitalista que comprendeu e segue a comprender o sindicalismo como un instrumento (máis) en mans dos traballadores e traballadoras pola súa emancipación social e nacional, seguiu alentando, dende abaixo, con maior ou menor acerto, a necesidade de rachar co grande pacto social asinado polo Capital e as grandes centrais sindicais pactistas, CCOO e UGT, procurando a panca que virase a través da unidade sindical no concreto, a alternativa reformadora das cúpulas destas centrais a unha defensa real dos intereses concretos da masa traballadora, que xa se afastaban dunha pax social que se amosaba daquela costosa para as produtoras e os produtores, e que hoxe se revela como un elemento claro da perpetuación da escravitude asalariada.Hoxe cómpre recoñecer, da nosa óptica, que abrollan socialmente as condicións dunha viraxe substancial no rumbo de todo o edificio sindical da nación galega, tamén do Estado, e quizais do mundo. Dunha agresión sen parangón ao conxunto da clase traballadora, que pasa agora necesariamente para o neoliberalismo por unha política de acoso e derribo da lexitimidade sindical, podemos extraer que da intelixencia coa que o sindicalismo alternativo interprete e actúe sobre a realidade dependerá, e moito, a reformulación sindical que demanda o conxunto dun pobo.A frustración do pacto social, concebido polas cúpulas intermediarias das grandes centrais como un diálogo entre o Capital e o Traballo (cando en realidade o era entre o Capital e a elite sindical pactista, que negociaba tamén intereses específicos e non xerais), visibilizouse ao tempo que nun soliloquio ou nun monólogo o neoliberalismo decidiu unilateralmente e no contexto da crise actual prescindir de certas “formalidades democráticas” para despregar un programa de axuste á baixa do prezo da man de obra, coas grandes centrais tan noqueadas que non non deron nin dan atopado as fórmulas proactivas de resposta, atrapadas aínda nunha especie de ilusión na que “é posíbel aínda negociar” coa patronal e o goberno a conservación dalgún que outro privilexio sindical coorporativo. Custe o que lle custe ao pobo traballador, que é agora un gran navío á deriva na corda da miseria, cun protocolo de salvamento atrofiado e romo.A dicotomía que Rosa Louxembourg propoñía nos albores do século pasado, entre a reforma e a revolución, continúan a deter actualidade. Máis do que nunca no naufraxio do pacto social, espello das políticas reformistas e da ilusión interesada dunha suposta morte da loita de clases. Rajoy anuncia agora unha suba do IVE até o 21%, mesmo de elevar ao 10% o tipo reducido. Fala, sen dicir, tamén de talladas de alcance nas prestacións de desemprego e da degradación das condicións sociais e salarias das traballadoras e traballadores públicos. A resposta do sindicalimo de clase ten que ser necesariamente unha oposición frontal nas rúas, que pasa pola mobilización permanente contra o Capital, e por un esforzo padagóxico inmenso para explicar que esta crise non é o problema, senón que o cerne da patoloxía está nun sistema económico e social configurado para a riqueza e a sobrevivencia duns poucos.Debemos camiñar a un escenario de ruptura revolucionaria, isto e sobre todo entendendo que revolución significa reapropiación do poder, democracia real, directa e de base. Soberanía para os pobos. E entender que calquera saída non revolucionaria, calquera saída que continúe polos vieiros do pacto, do entente co Capital, servirá para apretar a medio praza a corda que esgaza o corpo todo da nosa clase traballadora. Somos como central sindical unha ferramenta máis, útil se combativa para a mudanza radical do noso presente, e para o encamiñamento colectivo ao futuro. O traballo que nos queda por diante é longo abondo, duro e ao tempo emocionate. Con todo debemos procurar o lugar por onde o encetar.Nós témolo claro. Precísase decisión e fortaleza. Precísanse unha, dez e mil folgas xerais.