Que non te enganen. Concentración en San Caetano o mércores 2 de febreiro ás once da mañá

249

A sección de ensino da Central Unitaria de Traballadoras (CUT) convoca o próximo mércores día 2 ás 11.00h unha concentración de protesta en defensa da consolidación dos postos de traballo do profesorado galego con contratos temporais.

Está chamado a participar todo o profesorado e sociedade en xeral en oposición á decisión do goberno da Xunta de Galicia de evadir a Lei 20/2021 de Redución da Temporalidade aprobada en decembro no parlamento español e facer unha convocatoria ordinaria de oposicións, con criterios de acceso aínda máis duros para o persoal en precario.

O profesorado nas aulas galegas foi contratado de forma temporal para cubrir necesidades permanentes no ensino galego tras os recortes orzamentarios derivados da crise de 2008 e a súa situación de inestabilidade contractual agravada por mor da pandemia.

Por todo isto, e tras as declaracións tentando xustificar a non aplicación da nova Lei de estabilización por parte do Conselleiro Román Rodríguez, en base a intereses alleos ao ensino e cun desprezo ao persoal que atende as aulas galegas, a CUT chama a todo o profesorado galego a secundar esta protesta, así como ao resto de organizacións sindicais do ensino.