Que a terra che sexa leve, compañeiro Churum

1308

Outubro será para a CUT un mes que ficará na tristura pois hoxe, o seu cuarto día, comezou coa marcha do noso compañeiro Xosé Manuel Romero Davila, o “Churum”. A nosa tristura é máis fonda porque con el marcha un xeito de facer sindicalismo baseado na alegría combativa, na conciencia da loita de clases e na clara distinción de onde está a clase traballadora e onde está a patronal.

Fomos moitos e moitas os que aprendemos sindicalismo con el, aprendemos o valor dunha asemblea, a necesidade dunha man e unha mirada solidaria cando a compañeira ou o compañeiro precisa de nós. A súa alegría, a súa retranca, a súa conciencia obreira iluminaban o que facía.

O Churum foi un dos fundadores desta central sindical nun contexto adverso e sacrificando o persoal polo colectivo. Dende entón foi a referencia e sostén da CUT na comarca de Ribeira.

A CUT levará sempre no seu ADN o que Churum nos deu e nós, como compañeiros e compañeiras, levaremos sempre a Churum en cada día; non haberá mellor homenaxe que rir e combater coma el.

Que a terra che sexa leve, compañeiro Churum!!!