O Consello de Economistas de Galicia ten previsto entregar hoxe, por primeira vez, un premio que trata de distinguir a aquelas empresas que contribúen á creación de emprego de calidade en Galicia e implementan proxectos que redundan no crecemento económico e ano PIB galego.
Á sección sindical da CUT en Citroën non nos estraña nada que este galardón, concedido polos que defenden o libre comercio e a competitividade entre empresas e traballadores e traballadoras, se lle vaia entregar no día de hoxe ao grupo PSA, e concretamente ao centro de produción de Vigo, que cada vez fabrica máis barato desde o punto de vista, sobre todo, dos custos laborais, para deste xeito aumentar a marxe de beneficios dos seus accionistas.
Pero concederlle a PSA Vigo o premio á creación de emprego de calidade é descoñecer a realidade social da plantilla. Dos 5.200 traballadores e traballadoras que hai actualmente en Vigo no taller, só 1.300 conservan un contrato de 8 horas, sen cláusulas de variabilidade, sendo os outros 3.900 contratos a tempo parcial de 4 ou 5 horas ou de 8 horas con cláusulas de flexibilidade, con horarios que se modifican cada mes, semana, e incluso no propio día, o único que intenta tapar e a realidade dun sector (o do automóbil), cada vez máis precarizado en Galicia, onde PSA Vigo obriga ao resto das auxiliares a aplicar as mesmas políticas que aplica no seu centro.
Políticas que van en contra da propia conciliación familiar e laboral, onde cada día que pasa externalízanse máis postos de traballo para que estes sexan asumidos por empresas multiservicios con salarios e condicións de miseria, sen esquecer que o persoal de novo ingreso en PSA Vigo asina contratos de 4 horas a tempo parcial, realiza xornadas de 26h en sábados e domingos e tres ou catro xornadas de luns a venres. Estes compañeiros e compañeiras cobran arredor de 500€ menos por mes que outro traballador con certa antigüidade no centro que realiza o mesmo traballo.
A día de hoxe, a dirección de PSA Vigo ten aberto un ERTE no centro que a CUT xa denunciou no xulgados do social por abusivo e que só ten como fin o rendemento económico. Os contratos de 8h, que son máis caros, son enviados ao ERTE, namentres os eventuais fan xornadas maratonianas. Ese é o emprego de calidade polo que vai ser premiado PSA? Unha empresa que fomenta a deslocalización de emprego e das empresas para aproveitar a proximidade de Portugal e deste xeito abaratar os custos de man de obra. A mesma empresa que está creando, coa complicidade das administracións publicas, un corredor marítimo con Marrocos para fomentar a implantación de provedores neste continente e deslocalizar a produción e o emprego.
Quizais este premio debería ser concedido pola Cámara de Comercio do pais veciño.
En 2007 a plantilla rozaba os 10.500 traballadores/as en PSA Vigo, sen ter daquela a 4ª quenda creada. A día de hoxe, coa 4ª quenda incluida, somos 5.800. En 2014 14 aplicáronse uns recortes económicos e sociais á totalidade da plantilla que non decaeron no actual momento de recuperación da senda de beneficios da empresa.
A dúbida da sostenibilidade das pensións sempre estará vixente, por culpa das empresas que subscriben contratos de 4 horas con salarios de miseria e condicións sociais que non permiten ingresos para cubrir as necesidades básicas.
A CUT manifesta o seu rexeitamento á entrega deste premio a PSA Vigo, aínda que, como diciamos, que o entreguen os economistas neoliberais que traballan para o capital e a banca non é de estrañar, porque esas son as políticas e os intereses que defenden. As que pón en práctica PSA Vigo.
Quen non debe ser cómplice desta situación son aqueles e aquela que representan á cidadanía, que deberían ao noso entender defender o emprego de calidade na comarca de Vigo e na Galiza: o Presidente da Xunta, o Alcalde de Vigo e mesmo a Presidenta do Congreso, xunto a outras autoridades políticas e sociais que participarán no acto de entrega deste galardón. Coa súa presencia son cómplices desta situación.