A intervención con menores en situación de desprotección e conflito social é un sector no que a vocación e a responsabilidade da persoas traballadoras fai que non sexa visible a precariedade na que desenvolvemos o noso traballo diario, e cando falamos de precariedade referímonos a un amplo abano de situacións: salarios irrisorios, ratios de persoal que implican unha sobrecarga descomunal para poder cumprir o servizo, dispoñibilidade durante todos os días e horas do ano, dificultades na conciliación familiar, carga emocional e estrés como medio de vida, escaseza de medios…
“Os menores teñen dereito a recibir unha atención socio educativa digna, de calidade e por profesionais formados. Sen embargo, afrontamos condicións precarias e unha falta de recoñecemento que non está equiparada coa importancia do noso traballo. “
As traballadoras deste sector desenvolven unha función social de gran importancia porque os menores vulnerables precisan dunha atención axeitada con recursos suficientes que non poden depender de orzamentos axustados sempre á baixa. Son unha peza chave no sistema e desempeñan un papel fundamental na protección e benestar dos menores, dedicando o noso tempo e esforzo cunha vocación xenuína por brindarlles un futuro mellor. Os menores teñen dereito a recibir unha atención socio educativa digna, de calidade e por profesionais formados. Sen embargo, afrontan condicións precarias e unha falta de recoñecemento que non está equiparada coa importancia do noso traballo. A responsabilidade das institucións públicas e das patronais do sector é recoñecer a súa labor, garantir unhas condicións óptimas e dignas de traballo para que nós poidamos coidar e atender pensando noque facemos e non improvisando como poidamos pola falta de recursos.
O V Convenio Colectivo Estatal de Reforma Xuvenil e Protección de Menores non recolle as súas necesidades, mesmo as empeora ao establecer persoas traballadoras de primeira e segunda. Unhas, que traballen en entidades financiadas pola administración pública cuxos pregos saísen despois da publicación do convenio. E as demais se lles CONXELARÁ TOTALMENTE O SALARIO ata a publicación duns pregos novos e sempre que a Xunta o queira pagar ou ata o 1 de outubro de 2029.
“Reclamamos da Xunta e da Patronal que apliquen a suba económica por igual a todo o mundo eliminando a discriminación que recolle o artigo 65 de xeito inmediato. Así mesmo defendemos a creación dun convenio galego”
Reclamamos da Xunta e da Patronal que apliquen a suba económica por igual a todo o mundo eliminando a discriminación que recolle o artigo 65 de xeito inmediato. Así mesmo defendemos a creación dun convenio galego para que as nosas condicións sexan acordes coas nosas particulares necesidades, un convenio que teña a súa correspondencia cos orzamentos da Xunta de Galicia.
En común temos os dereitos. En común temos a precariedade das condicións. En común temos a loita.
A CUT chama á participación de toda a afiliación e delegadas na concentración convocada en Compostela o vindeiro 10 de xullo, ás 9:30 horas, diante do edificio de San Caetano. POLA DIGNIDADE DO NOSO TRABALLO!!












