PROGRAMA ELECCIÓNS ENSINO 2022

1257

Presentamos aquí o noso programa xa que entendemos que a campaña faise no día a día, na rúa, fronte ao goberno que nos quere afogar, no Congreso español na negociación da Lei de Redución da Temporalidade, na ILP presentada no Parlamento galego, en cada protesta fronte á mesa sectorial e en cada  minuto que cada un dos que militamos neste espazo dedicamos á loita conxunta da clase obreira.

A campaña non se fai no último mes con subidas salariais, insuficientes e oportunistas, pactadas cos gobernos que alimentan a maioría sindical do estado a cambio de manter a paz social;  ou con intentos de última hora de xustificar unha ausencia sindical real ante os conflitos abertos.

Non renegamos da nosa loita principal e necesaria nestes anos senón que a reivindicamos: o fin da precarización dos e das docentes galegas, tanto dos temporais de longa duración pola insostible da súa situación contractual, coma dos definitivos cuns recortes que non se reverten, todos fartos do xogo que a Xunta se trae con todas nós.

Non esquecemos as nosas orixes asemblearias en 2018 nin tampouco os logros que acadamos a base de militancia e tesón, sen representación sindical pero con presión e axuda das persoas loitadoras que están ao noso lado.

Logramos a reintegración nas listaxes das compañeiras de orientación primaria, a presión para a readmisión nas oposicións dos compañeiros de inglés con problemas con Renfe ou a clarificacion do catálogo de Primaria das compas de francés, ademais de abrir o camiño á estabilización, mal deseñada por quen nos goberna e desaproveitada e mesmo negada polas forzas sindicais no ensino galego. Esta loita vai continuar, queda moito por facer ata estabilizar a todas as que teñen dereito a facelo, garantir as indemnizacións que corresponden e un sistema estable de listas nun futuro inmediato do que pouco se fala no espazo sindical, aínda sabendo que deben ser revisadas.

Tampouco estamos dispostas a seguir aturando a falta de conciliación real nos nosos horarios, o roubo das horas de reducións horarias ou a imposición de afíns ou derivación de prazas dunha a outra especialidade. Todo isto ademais do exceso de burocracia, horario e ratios non manexables.

A CUT é un sindicato de clase obreira, transfeminista, diverso e inclusivo, con atención a todas as realidades de xénero. Contamos cun Protocolo contras as violencias machistas e dende a Secretaría Feminista a CUT foi o único sindicato galego en convocar folga de 24 horas o 8M de 2018, e o único en convocala 4 anos consecutivos, tamén cando o 8M foi domingo porque as mulleres tamén traballamos os domingos.

Ademais, o traballo de atención e defensa dos servizos públicos e o rexeitamento dos ERTES, durante o máis duro da COVID foi unha das claves na defensa dos nosos postos de traballo e da atención á clase obreira ante a petición dunha axuda, atención médica ou calquera outro servizo, desaparecidos neses días ata hoxe en moitos casos.

A CUT é un sindicato de clase, humilde pero cunha militancia comprometida e que camiña cara outra forma de facer sindicalismo: a combatividade obreira ante os abusos da administracións que, non o esquezamos, somos todas nós.

Aquí está o noso programa electoral, convidándote a que decidas  confiar o 1 de decembro nun sindicalismo necesario:

Boletín (3)