Profesorado en risco meteorolóxico

265
Profesorado desplazamiento nieve

Os episodios recentes de alerta meteorolóxica en Galicia volveron poñer de manifesto unha realidade que o profesorado leva tempo denunciando: a falta de protocolos claros e garantistas por parte da Consellería de Educación para protexer a seguridade do persoal docente e non docente.

Durante a última alerta laranxa, mentres se suspendían as actividades lectivas e o transporte escolar por motivos evidentes de seguridade, a Consellería mantivo a obrigatoriedade de asistencia do profesorado aos centros. Esta decisión trasladou o risco directamente ás persoas traballadoras, obrigadas a desprazarse por estradas en condicións perigosas ou a asumir individualmente a responsabilidade de decidir se acudir ou non ao seu posto de traballo.

O caso vivido no IES García Barbón é un exemplo claro desta situación. O profesorado do centro denunciou publicamente a ambigüidade dun protocolo que apela ao “sentido común” do docente, pero que non ofrece instrucións claras nin cobertura real ante unha situación de risco declarado. A isto engádese a gravidade das ameazas veladas de sanción transmitidas desde instancias administrativas a quen decidise priorizar a súa seguridade persoal, unha actitude absolutamente inadmisible desde o punto de vista da prevención de riscos laborais.

Desde o sindicato queremos deixar claro que:

  • A seguridade do profesorado non pode valer menos ca a do alumnado.
  • Un protocolo de emerxencias non pode ser interpretable nin depender da sorte, da pericia individual ou da presión xerárquica.
  • A administración ten a obriga legal de evitar desprazamentos innecesarios en situacións de risco, e non de delegar esa responsabilidade nas persoas traballadoras.

Por iso, facemos nosas as reivindicacións expresadas polo profesorado do IES García Barbón e esiximos:

  • A revisión inmediata do protocolo de alertas meteorolóxicas.
  • Que en situacións de alerta laranxa ou vermella a suspensión da actividade sexa extensiva tamén ao profesorado e ao persoal non docente.
  • A creación dun permiso específico por alerta meteorolóxica, claro e automático, que garanta a seguridade sen ameazas nin interpretacións arbitrarias.

O ocorrido non é un feito illado, senón unha mostra máis do abandono e da falta de consideración institucional cara ao profesorado. Desde o sindicato seguiremos denunciando estas situacións, acompañando as mobilizacións do profesorado e esixindo que a Consellería asuma dunha vez por todas as súas responsabilidades.

A seguridade laboral non é unha opinión nin unha cuestión de “sentido común”: é un dereito.