Profesorado e alumnado concentrámonos no Parlamento en defensa da FP presencial

174

No día de hoxe concentrámonos fronte ao Parlamento de Galiza xa que é o día no que o BNG vai formular unha cuestión sobre o cambio e as mentiras na FP presencial ao goberno galego.

O alumnado como parte convidada esta tarde á sesión parlamentaria promoveu esta mobilización amosando a unión cos seus docentes nunha loita común: a defensa do ensino público.

Tras dedicarlle unhas sonatas a Román e Rueda: “Formación Profesional, formación presencial” ou “Non non non á privatización”, Ana, alumna do Ciclo Superior de Educación Infantil do IES de Chapela, leu o seguinte comunicado elaborado polo alumnado:

En representación do alumnado afectado, do IES de Chapela, cursando o ciclo de Educación Infantil na modalidade modular.
De súpeto nos atopamos que, tendo un curso superado,(o vindeiro curso) debemos de cambiar a modalidades elexida porque á Consellería de Educación se lle antoxou eliminar certos ciclos, e cambiar de modalidade pasando así a ser a distancia,.
(Deste xeito, o alumnado que comezamos a formacióm de xeito presencial, nos atopamos na OBRIGA de rematala a distancia, sen ter garantida a praza para facelo, e sen unha explicación dos motivos que levan a este cambio.
Os centros xa contaban cos recursos necesarios para impartir a formación presencial: as aulas, os materiais e o profesorado. Polo tanto, a presencialidade non suporía un gasto adicional no vindeiro curso. Só atopamos xustificación en que obrigando ó alumnado a formarse a distancia se poden levar a cabo recortes económicos, se favorece a formación privada e se merma a calidade do ensino público).

Por outra banda, cremos que é necesario que ciclos desta rama sexa imprescindible a presencialidade, xa que tratamos con seres humanos, nunha etapa da vida moi importante. Como futuras educadoras precisamos o apoio e o traballo en equipo para que as cousas saian o mellor posible.

Hai determinadas prácticas que necesitan levarse a cabo de xeito presencial, como preparar un biberón, cambiar cueiros… e tamén hai destrezas que requiren dun adestramento para ser adquiridas, como planificar unha dinámica grupal e saber adaptarse ás situacións que se van dando. A distancia non temos un grupo ó que dinamizar, nin adquirimos soltura para sacar adiante unha actividade cando as cousas se saen do previsto.

As protestas que se veñen realizando este mes non teñen o obxectivo de eliminar a formación a distancia, nin de denigrala, pois é unha opción demandada por unha parte do alumnado. Cada modalidade formativa ten as súas vantaxes e inconvenientes. As protestas teñen como fin recuperar a formación presencial, tendo así a posibilidade de escoller a alternativa que mellor se adapte ás necesidades de cada persoa.

En conclusión, queremos amosar a nosa disconformidade coa oferta académica para o curso 2023-2024, así como oL rexeitamento dos titulares populistas anunciando unha ampliación do número de prazas, posto que a letra pequena conleva unha vulneración dos nosos dereitos.

Tras elas, a profesora de FOL do IES de Vilamarín, Mercedes Somoza, procedeu a ler o comunicado por parte do profesorado:

Unha vez máis vémonos na obriga de denunciar as políticas privatizadoras e destrutoras do público da Xunta de Galicia. Nesta ocasión tócalle ás ensinanzas de formación profesional. Un “carameliño” para o empresariado que medra grazas aos desvío de recursos públicos cara a actividade privada.

Agora foi a supresión da presencialidade de certos ciclos para transformalos en ensinanzas a distancia, pero isto é tan só a punta do iceberg. A estratexia da Xunta de Galicia é a da privatización subrepticia da formación profesional. Unhas ensinanzas que teñen unha gran demanda entre o alumnado que remata outras etapas educativas ou mesmo entre traballadoras adultas.

A matrícula aumenta ano a ano, pero non a oferta pública de prazas. Xa é unha quimera para moitas persoas poder realizar os estudos que desexa. A Xunta fala de promover e dignificar a formación profesional, anuncia miles de prazas para o vindeiro curso. Recibiron cartos da UE e máis do Estado español. Mais todo isto sen dotar aos centros públicos.

Non é ningún misterio, eses recursos non chegaron aos centros públicos porque a estratexia da Xunta de Galiza é a de crear unha potente rede de centros privados e privados concertados de formación profesional. A patronal xa tomou consciencia disto e os centros privados multiplícanse como cogomelos. Un negocio en expansión grazas ao diñeiro público e ao desleixo da administración pública.

Os requisitos para montar un centro de formación profesional privado son ridículos, dando pe a situacións de explotación laboral do profesorado e a ínfima calidade das ensinanzas impartidas. Os centros privados expiden titulacións a cambio de cartos, a formación é secundaria. O alumnado vese na obriga de acudir a estas empresas por non ter outra alternativa, gastando uns cartos que na maioría dos casos supoñen un gran sacrificio. En moitas ocasións simplemente é prohibitiva a matrícula.

Cal é o seguinte paso? Vémolo en Madrid, vangarda da ofensiva neoliberal: becas para estudar en centros privados e privados concertados. Unhas becas que tan só van beneficiar ás familias con máis renda porque serán as únicas que poderán afrontar o pago da totalidade da matrícula.

Este é modelo da consellería de educación: ensino elitista e clasista. Non vaia ser que as fillas e fillos da clase traballadora teñan oportunidades. A tendencia é a segregación por clases sociais nos centros de ensino. Un ensino público con grandes carencias destinado as familias traballadoras e un ensino privado e privado concertado regado con recursos públicos para as familias de maior renda.

Mais non imos deixar que isto sexa así, vannos ter enfronte, loitaremos ata o final para darlle a volta á tortilla. É por iso que estamos aquí hoxe para amosar a nosa resposta e berrarlles o que queremos:

Ensino público galego digno e de calidade para todas!