A CUT presentou denuncia contra PROCSA despois do que aconteceu na pasada folga do 8 de marzo. Na quenda da noite fixeran folga cinco compañeiras e a empresa utilizou o traballo temporal para garantir que o turno non deixara de producir, o que, ao noso entender, vulneraba claramente o dereito á folga, xa que, de consentirse, as empresas poderían anular ou minorar os efectos de calquera folga.
O máis grave do asunto, para nós, era que a empresa nunca tal fixera cando anteriormente convocamos folgas polo convenio, polas reformas laborais ou por outras razóns. A empresa decidiu facelo precisamente no 8M, transmitindo a mensaxe de que non lle preocupa a discriminación de xénero, a violencia machista… ou, cando menos, dando a entender que non ten a máis mínima sensibilidade ante estas lacras sociais.
A sentenza do Xulgado do Social Nº 3 de Vigo, que coñecemos o 9 de xaneiro, é ben clara:
“1.- Declaro que se ha vulnerado el derecho a la huelga del sindicato demandante (CUT), convocante de la huelga general de 24 horas para el día 8 de marzo de 2019, al haber minorizado sus efectos con la contratación de dos trabajadores para substituír a las trabajadoras huelguistas”
“2.- En consecuencia, declaro nula la decisión empresarial de sustituir a las trabajadoras (…) mediante dos contrataciones de trabajadores puestos a disposición por ETT.”
“Igualmente, condeno a la empresa demandada a abonar al sindicato demandante (CUT) la cantidad de siete mil euros (7.000 Euros), en concepto de indemnización de daños y perjuicios”
Aínda que poden interpoñer recurso de suplicación ante o TSXG, agardamos que esta sentenza sexa definitiva e que, en calquera caso, lle sirva a PROCSA para aprender a respectar os dereitos da clase traballadora. De confirmarse a sentenza, e como vén sendo costume neste sindicato, abonaremos os descontos polo día de folga a todas as traballadoras folguistas, recoñecendo deste xeito a súa dignidade na defensa e na loita polos seus dereitos.