O goberno “progresista” que ía derrubar o réxime do 78 converteuse no lacaio máis fiel dos mandatos do amo capitalista ao tempo que conseguiu inocular na conciencia colectiva que está defendendo os intereses da clase traballadora. Utilizaron dúas ferramentas moi útiles para conseguir esta paz social e anestesia colectiva: por unha banda os medios de comunicación (haberá que redefinir este concepto tan deostado xa) como altofalantes dos seus grandes logros, e pola outra creando cortiñas de fume onde desenfocar a contradición de clase para despistarnos e facernos crer que se están a mudar as cousas.
Non imos falar da chamada lei mordaza que segue aí despois do teatrillo montado polas distintas forzas do goberno para xustificar o que non querían facer, que era botala abaixo. Tampouco imos falar da reforma laboral que nada reformou, claro exemplo de como crear un artificio para mudar os datos que se fan públicos; falan agora de que nunca houbo tantos indefinidos esquecendo, iso si, que poden ir á rúa cando lle veña en gana ao empresario ou esquecendo falar do que significa ser un fixo-discontinuo, que deberían chamar precariedade-fixa. Tampouco imos falar da reforma das pensións que implica o seu abaratamento e aumento dos anos de cotización cando o mercado laboral non permite xuntar un ano traballado nin para os indefinidos, e se non que llo pregunten á xente da automoción coa carta branca dos ERTES; non imos falar de como pretenden agochar o seu prexuízo falando de que suprimen a fenda de xénero. Non se pode ter máis cara.
Agora ben, pola parte da atrás, o complemento da Lei 15/97 que abriu a privatización da sanidade. O ministro Escrivá enviou o borrador ás comunidades autónomas que a Sanidade Pública ceda ás Mutuas a atención das continxencias comúns das persoas traballadoras. Esta medida non se toma por cuestións de xestión, como seguramente dirán, nin para descargar traballo da Seguridade Social, esta medida tómase para ceder a xestión dun servizo público, dun dereito que figura na súa constitución, a entidades privadas para que fagan negocio. Estamos ante un paso máis de privatización do público e de baleiro dos nosos servizos públicos, un paso máis para que paguemos seguros privados, pensións privadas, escolas privadas…
Pretenden levarnos ao debate dos puntos e das comas, a que “negociemos” polo mal menor tentando que non pensemos que nós só podemos pensar no ben mellor, que non é outro que o ben común. Non debemos perdernos nos detalles dos textos ou dos pretextos, debemos ter claro que estamos ante un cambio de paradigma no que a dereita, a ultradereita e os progres forman parte do mesmo bando aínda que xoguen en diferentes posicións, o bando do sistema.
O capitalismo só subsiste se acumula e, na súa fase actual, só pode acumular naquelas bolsas que ata o de agora foron intocables, os servizos públicos. Este ataque final ven deseñado dende hai décadas, concretamente dende a caída do Muro de Berlín e de todo o bloque soviético. Comezaron pervertendo o sindicalismo onde se deixou, e onde non intentaron rebentalo eliminando os sectores máis combativos (lembramos o naval, as minas… ou non?), continuaron coa perversión ideolóxica baleirando as siglas de contido de clase e crearon mantras ideolóxicos de despiste que levaron á clase traballadora ao infantilismo.
Quedan illas de reacción en Inglaterra, Italia, Francia… mentres, no estado español, os medios gaban a madurez do seu pobo que asume todas as reformas que manda Europa, pero non é madurez, é sometemento e parálise, é alienación.
Pero todo flúe e a folga pode chegar. Que sexa xeral e combativa.
Secretariado Político da CUT