Unha hora de emisión de programación propia da TVG ten un custe de 4.552 euros e esa mesma hora de emisión contratada a unha produtora allea ao ente público, eleva o seu custe até os 9.275 euros. Con estes datos que manexa a CUT, as contas son doadas de botar: producir na casa custa case a metade que encargala fóra.Porén, segundo informa o comité de empresa da televisión pública, na última xuntanza mantida coa dirección da TVG a consigna que se lles transladou aos e ás traballadoras é que, a partir do 23 de setembro, cando comeza a emitir a programación de outono-inverno, desaparecerán da grella cinco programas:- A Revista, edición de tarde.
– Reporteiros.
– Eirado.
– Heiche cantar.
– No bico un cantar.É o propio comité interempresas quen advirte do perigoso destas medidas matizando de seguiren así “camiñamos cara unha situación en que só produciremos os servizos informativos”.
Os cinco programas son de produción interna da TVG e, as súas horas de emisión serán reemprazadas por produción externa-allea, realizada por produtoras galegas ou ben series e debuxos animados que se mercan a baixo prezo nas feiras audiovisuais.Sigamos a botar contas: de encher esas 458h onde desaparece a produción propia con produción externa-allea, a teor dos datos antes sinalados, o custo ascendería até 4.247.950 euros.
Onde gasta os cartos a TVG?
Alguén podería pensar que, tal e como ten repetido ben veces o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, “os traballadores da compañía son caros” e, en tal suposto, compensaría a contratación externa. Pasamos logo a dar os datos que desbotan, segundo a sección sindical da CUT na CRTVG, esta posibilidade e tomando como referencia os anos 2011 e 2012, o gasto en persoal da televisión pública reduciuse en 4.105.881 euros, namentres o investimento en produción externa medrou en 787.142 euros.
Seguindo coa comparativa entre eses mesmos anos, a produción interna da canle baixou en 1.043 horas, a contratación de produción externa subiu en 387 horas, e a compra de produción allea, emitida case na súa totalidade na G2, ascendeu en 1.345 horas.A presidenta do comité interrempresas , Raquel Lema recalca que “unha cousa é facer distintas producións fóra da casa por condicións técnicas e outra é encargar programas que responde ao concepto de servizo público”, é ese o caso de ‘Galicia 112’, un programa sobre o traballo dos profesionais de emerxencias, que comezará a emitirse a semana que vén, e cuxa elaboración foi contratada a unha produtora externa e que ademáis vai facer con imaxes de arquivo da propia televisión”.
O 50% de produción propia garantida por convenio
Raquel Lema, presidenta do comité interempresas da CRTVG explica que na negociación do convenio colectivo, que se está a levar a cabo, “pedimos que un dos aspectos sexa unha garantía de mantemento dunha porcentaxe minima de produción propia”.
A falta de concretar cal será esa porcentaxe, Lema sinala que irá na liña do reclamado polos traballadores e traballadoras da corporación de TVE, situada nun 50%.
Comezan as protestas.
Co perigo que se sinalaba anteriormente da falla de produción propia “a representación sindical entende que empezan a quedar profesionais da casa sen carga de traballo”.No día de hoxe e todolos luns o cadro de persoal da televisión pública fará unha concentración-protesta de dez minutos de duración ás 11h da mañá, a carón do despacho do director xeral da compañía, para amosar así o seu malestar polo que consideran un ataque gravísimo ao conxunto dos e das traballadoras.Na busca de solucións
O comité interempresas ten pedida unha xuntanza co consello de administración da TVG. Tratarán tamén reunirse cos catro grupos parlamentares “apelando a aquelas forzas políticas comprometidas cunha televisión independente e de calidade”.
É no Parlamento galego onde se aprobará o mandato-marco que recollerá as directrices para, entre outras cuestión, regulalos contidos que se emitan na TVG, isto é, que tipo de programación se fará e que % de produción propia se realizará na casa e, pola contra, canto de produción externa-allea se encargará fóra.