Privatización e coidados: a desvalorización da vida

96

As residencias privadas están cubrindo as súas carencias previas de persoal a través das listaxes de contratación, tanto do Sergas como de Política Social, unha vez que foron postas baixo control público. Moito do persoal chamado a cubrir estes postos de traballo nos coidados de persoas infectadas por COVID-19 carece de experiencia previa na realización destas funcións.

A pesar de que a Orde SND/295/2020, de 26 de marzo, pola que se adoptan medidas en materia de recursos humanos no ámbito dos servicios sociais ante a situación de crise ocasionada polo COVID-19 permite o cambio nas funcións durante o estado de alarma sanitaria, as traballadoras que se incorporan a estes centros non están recibindo a formación previa en materia de seguridade que lles garanta realizar as funcións que se lles adxudican coa suficiente protección para a súa saúde. As directrices danse de xeito desorganizado, sendo as traballadoras informadas de cuestións importantes en canto á seguridade días máis tarde de comezar a súa labor.

Esta situación é a que se está dando na Residencia de Maiores Asilo Irmás dos Anciáns Desamparados de Santa Teresa de Jornet, Residencia de Maiores de Eirís (A Coruña), onde se rexistraron varios casos de Covid-19 tanto entre persoas usuarias como entre o persoal do centro e se produciron xa varios falecementos.

Deste a Cut denunciamos:

– Que hai traballadoras chamadas das listaxes de Política Social que están a desempeñar funcións lonxe da categoría laboral que viñan realizando sen a formación previa necesaria, e que esto supón poñer en risco a saúde das traballadoras e das usuarias.

– Que esta xestión supón unha desvalorización e desprofesionalización dos empregos relacionados cos coidados, asumindo que a atención precisa a persoas maiores, moitas delas dependentes, pode ser asumida por persoal sen capacitación profesional

– Que o feito de que as residencias privadas teñan que reforzar o persoal das residencias privadas baixo control público pon de manifesto a precariedade na que se atopaban as mesmas. Que nunca desde a lóxica do lucro os coidados se van realizar do xeito en que as nosas maiores precisan.