A actual folga dos traballadores das subcontratas de Telefónica pon de manifesto os efectos perversos do proceso de privatización das empresas públicas en España levaoa a cabo nos anos noventa e que supuxo a acumulación de beneficio xerado pola empresa en poucas mans e unha maior precariedade no emprego.De feito, o acontecido estes días coa folga das subcontratas de Telefónica -na que están implicadas empresas como Abengoa, Cobra, Comfica ou a galega Montelnor entre moitas outras- non pode ser analizado só desde un punto de vista laboral, coa denuncia das condicións laborais nas empresas subcontratadas, senón que debe incluír tamén un punto de vista histórico e político. Vexamos.Telefónica nace en 1924 en forma de monopolio estatal sobre a comunicación por teléfono e telégrafo. En 1945, o réxime franquista amplía a súa participación na empresa ata acadar o 80% das súas accións, e vinte anos máis tarde, en 1965, Telefónica pasa a ser a primeira empresa do país, con 20 mil millóns de pesetas de capital e 32 mil empregados en plantilla, unha cifra que non pararía de subir ata chegar aos 80 mil no momento da súa privatización, en 1996, cando Aznar lle vende o que restaba de participación estatal na empresa, un 20%, ao seu compañeiro de pupitre Juan de Villalonga. Anteriormente, e este é un dato habitualmente silenciado, os sucesivos gobernos de Felipe González foran reducindo a participación do estado na empresa desde o seu 80% inicial ata ese cativo 20%.Privatizada a empresa, iníciase un agresivo e acelerado procedemento de regulación de emprego encuberto mediante un programa de xubilacións anticipadas forzosas, no que o propio estado asume boa parte do seu custo. A empresa despide 60 mil traballadores directos en menos de vinte anos, hoxe conta con 20 mil, e, en paralelo, vai aumentando de xeito exponencial a contratación indirecta a través de máis de cen subcontratas ata chegar aos cen mil empregos de hoxe en día.En definitiva, dun modelo de empresa pública, certamente de xestión moi mellorable, que producía ganancias para o conxunto do estado e creaba emprego público de calidade, pasamos a outro de empresa privada, que reverte os seus gaños unicamente nas mans dos seus accionistas, bancos maiormente, e que reduce custes subcontrantando man de obra a terceiras empresas nas que as condicións de traballo son verdadeiramente precarias, con soldos de menos de 800 euros ao mes por ata 12 horas de traballo ao día.Agora, que vemos nestes días como os traballadores da subcontratas van á Folga, cómpre lembrar o silencio cómplice de UXT e CCOO cando o proceso de privatización de Telefónica e a súa pasividade ante a prexubilación de boa parte da empresa. Entón era cando había que facer unha folga polo mantemento da titularidade dunha empresa que era un dos principais activos económicos do estado español. A folga que manteñen hoxe é tamén necesaria pero, é unha folga defensiva e, xa que logo, derrotada de antemán: o que hai que empezar pedindo é que Telefónica volva a ser unha empresa pública, porque as empresas privadas non teñen a obriga nin a vontade de crear empregos directos e dignos.