PRIMEIRO PASO DO GOLPE DE ESTADO NEOLIBERAL

58

O Congreso aprobou a reforma da Constitución, os votos dos partidos maioritarios, representantes políticos dos intereses do capital, xunto cos que estiveron a piques de facelo (querían votala pero non puideron, maldita transaccional), consumaron o golpe de estado neoliberal.

A modificación aprobada anula a soberanía do estado fronte á comunidade europea que será a que fixe a capacidade de endebedamento tanto do estado como das comunidades (pon, negro sobre branco quen goberna no noso estado).

Contempla a denominada regra de ouro orzamentaria ao fixar “un teito orzamentario” onde se limita o gasto público, institucionalizando así na Constitución as políticas de recortes sociais no gasto público e nos servizos sociais. Establece, literalmente, que “Os créditos para satisfacer os intereses e o capital da débeda pública das Administracións entenderanse sempre incluídos no estado de gastos dos seus presupostos e o seu pagamento gozará de prioridade absoluta”, é dicir que, nunha situación de crise, pode non haber cartos pero hai que pagar a débeda contraída co capital antes de satisfacer calquera necesidade social.

A banca, o capital especulativo, será o gran beneficiado deste acto antidemocrático, todos estes especuladores, cos cartos distribuídos desde o propio estado e/ou mediante os créditos distribuídos desde o propio BCE a un interese que roldaba o 1% dedicáronse a comprar débeda pública a intereses desorbitantes debido á situación de crise que eles mesmos provocaron.

O propio BCE está comprando desde fai semanas débeda pública de países como o estado español, Italia….

O capital asegúrase deste xeito que se lle vai a devolver o investido cos seus correspondentes intereses pois a satisfacción de todas as débedas contraídas terán prioridade sobre as necesidades da cidadanía, poñendo en cuestión mesmo a sanidade, educación, pensións, paro, soldo dos traballadores/as públicos… O estado próstrase diante do capital.

Esquecen, unha vez máis os partidos que aprobaron ou se abstiveron na votación, que o problema non é o incremento do gasto, senón a falta de recadación, como consecuencia dunha fiscalidade inxusta e da amplitude da fraude fiscal (a explicación xa nola deu José Blanco, “non hai tempo para introducir novos impostos” mentres que si hai tempo para a modificación da Constitución, tómannos coma sempre por tontos/as).

Mentres que o poder político e económico estea nas mesmas mans o capital nunca pagará.as súas crises.

Esiximos a apertura dun novo proceso constituinte no que se elabore unha nova constitución que, entre outras cousas, asegure os dereitos nacionais de Galicia (nesta as forzas armadas garanten a unidade da “patria”), que remate coa monarquía (herdanza do franquismo), coa pena de morte e que asegure os dereitos económicos, sociais, de participación política… da cidadanía.

Na loita de clases que se está a evidenciar coa saída á crise capitalista, a modificación da constitución abre unha nova fronte contra os dereitos dos traballadores e traballadoras á que tamén temos que dar resposta.

Insistimos na receita, toda esta política neoliberal, contraria aos intereses da clase obreira, ten só unha saída: a unidade e a loita. Cada día faise máis evidente a necesidade da convocatoria dunha nova folga xeral.

CONTRA Á CONSTITUCIÓN CAPITALISTA, CENTRALISTA E MONÁRQUICA!

CONTRA O CAPITAL, FOLGA XERAL!