A situación epidemiolóxica no ensino acadou a cifra dos 1461 contaxiados no día de onte, pero esta cifra e as recomendacións das autoridades sanitarias sobre o uso de equipos de protección individual FFP2 nas escolas para alumnado é un soño inalcanzable nun ensino completamente precarizado e desprezado por a elite da administración galega.
O desprezo ademais leva aparellado o incumprimento máis básico nas medidas de protección laboral do profesorado quen tampouco son protexidos con máscaras FFP2, senón que se lles considera só posibles transmisores ao entregarlles máscaras hixiénicas.
Nestes días están a repartir unha sorte de tapabocas hixiénicas de dobre capa de tea, das que acostuman levar os responsables da Xunta nas súas visitas a obras e pantanos ou a concentracións contra o goberno central, sempre en espazos exteriores, coas que de paso promocionan o Xacobeo, lembrándolles aos pelegrinos que as normas COVID non van con eles en ningún caso.
Ocorre que, tal como se apreza na imaxe e describe a propia etiqueta, non se trata de EPIS xa que de nada protexen a quen o leve. Este é o material co que a Xunta dota a unha grande parte dos traballadores esenciais da Galiza, en espazos pechados e con grupos de 25 alumnos. 5 máscaras lavables 25 veces se é que non rompen ou se deterioran antes. En consecuencia o profesorado vese abocado a mercar o seu propio material FFP2 como leva facendo dende o inicio de curso, mentres a administración lava as mans ao respecto.
Para máis, denunciamos que a Xunta usa na información achegada un perfecto castelán e inglés “Made in Spain”, seguindo coa súa política lingüística de minorización da lingua galega e incumprindo a súa propia normativa sobre o seu uso na administración galega.
Alumnado con mantas nas aulas tremendo de frío, ratios elevadísimas antes e durante o andazo, desprotección de alumnado e profesorado nas medidas de protección individual. A precariedade campa nas aula galegas mentres o Sr. Feijoo segue a presumir de boa xestión na capital do Reino.