Precariedade e esmola disfrazada coma “o fin das listas de agarda para dependencia e discapacidade”. Ese é o agasallo envelenado, con forma de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas, que modifica e degrada o procedemento de atención á dependencia.
Esta lei publicouse a comezos de xaneiro, sen contar coa opinión técnica das traballadoras do servizo nin comunicarlles previamente á súa entrada en vigor as mudanzas que carrexarían, enganando á poboación do que certamente suporán as prometidas axudas.
A lei contempla unificar os procedementos de dependencia e discapacidade e dotar dunha axuda económica a aquelas persoas que teñen recoñecido o dereito a un recurso do sistema (praza en residencia, centro de día ou axuda no fogar) mentres agardan por el. A promesa, logo, é un vil intento por enganar á poboación de que se destinarán moreas de cartos á dependencia, cando en realidade, esta lei se pode resumir en tres cuestións: precarizar, privatizar e sacar beneficios.
“A forma na que actualmente está organizado o servizo violenta ás solicitantes da dependencia, tendo que agardar ata case un ano, non para o acceso ao servizo, senón para poder entrar nas quendas de asignación dun recurso.”
A forma na que actualmente está organizado o servizo violenta ás solicitantes da dependencia, tendo que agardar ata case un ano, non para o acceso ao servizo, senón para poder entrar nas quendas de asignación dun recurso. Coa nova lei a Xunta promete que as solicitantes non terán que agardar e que terán unha axuda económica dende o momento que se conceda a dependencia, pero non a un servizo real de coidados.
O que non explica o goberno de Rueda é que as quendas na dependencia están ocasionadas pola falla de persoal e de recursos públicos. O servizo estase mantendo a duras penas baixo a fórmula de contratación de persoal de reforzo con fondos europeos, persoal que cobra menos que as compañeiras e que se amedrenta ante a posibilidade de que a queixa supoña que non se renove o contrato o vindeiro ano. O servizo mantense con acúmulos de tarefas e interinidades. En definitiva, con calquera fórmula que axude para que non alces a voz. O resultado son quendas de agarda de case un ano nas que, ao non haber residencias, centros e servizos de atención a domicilio, a agarda pode supoñer o falecemento da solicitante antes da asignación do recurso.
Entende o goberno que aumentar as relacións de postos de traballo en dependencia non sería unha boa resposta. Tampouco o sería o investimento en servizos públicos, na creación de residencias ou no investimento en servizos de atención a domicilio que prioricen os coidados no fogar. O goberno sabe que estas medidas non supoñen sacarlle rédito aos servizos sociais, mentres que encamiñalos á privatización si que o fará.
“A nova lei dá luz verde ás empresas amigas para a construción de novas ‘residencias-granxa’ nas que se denigra ás maiores e precariza a traballadoras a través da explotación dos coidados para que uns poucos amasen”
A nova lei dá luz verde ás empresas amigas para a construción de novas “residencias-granxa” nas que se denigra ás maiores e precariza a traballadoras a través da explotación dos coidados para que uns poucos amasen, superando os límites da imaxinación, porque onde nós vemos violencia eles ven ganancia. Non estamos dispostas a manter este modelo de violencia e precarización. Non apoiaremos o desvío de fondos públicos a empresas de xestión privada que non respectan condicións dignas nin para a clase traballadora nin para as persoas usuarias. Os intereses económicos, o aforro no gasto público e a concesión dos coidados a empresas que se lucran deles non poden pisar un dereito fundamental. A violencia institucional da Xunta parece non ter límites.
A realidade da concesión de libranzas mentres se agarda por un recurso público non é máis ca unha esmola para cargar (máis) cos coidados ás familias e desviar a atención do proceso de privatización que está a sufrir política social. Unha carga que, como é norma, obvia a cuestión de xénero, pois pesará máis nos ombreiros daquelas que levan o peso dos coidados, tendo que escoller entre os coidados, a vida profesional ou afogar intentando soster ambos. Porque Rueda, unha esmola non é dabondo para pagar un día enteiro de coidados non profesionais que ademais imposibilitan compatibilizar cun traballo para poder optar a un salario digno.
“Esta nova lei limita a capacidade de opinión e criterio técnico, subxuga toda decisión ás xefaturas de servizo (sabendo que non son precisamente postos críticos co goberno), elimina a obrigatoriedade dos informes sociais, elimina os órganos de valoración e acepta informes de mutuas privadas.”
Se engadimos ademais que as traballadoras do servizo se senten ninguneadas rematarase de comprender a carraxe que sentimos ante este agasallo de Nadal. Esta nova lei limita a capacidade de opinión e criterio técnico, subxuga toda decisión ás xefaturas de servizo (sabendo que non son precisamente postos críticos co goberno), elimina a obrigatoriedade dos informes sociais, elimina os órganos de valoración e acepta informes de mutuas privadas. Non, non e non! O servizo está sobrecargado, as técnicas de valoración realizan máis valoracións por día das que profesionalmente se poden abarcar para realizar unha valoración real. As funcións dos órganos de valoración son fundamentais para a coordinación, asesoramento e equiparación de criterios. Os informes sociais permiten unha correcta valoración do recurso e unha intervención personalizada. E conveniar os informes de saúde con mutuas privadas só abre espazo para a privatización do servizo de saúde. Precisamos medios, non cambios lexislativos que se carguen un servizo profesionalizado e que enmascaran un futuro privatizado.
Queremos un sistema de coidados personalizado, de titularidade e xestión pública. Non permitiremos que política social se constrúa para o beneficio duns poucos. Os coidados son un dereito para todas!
Secretariado Político da CUT