Tan só tres semanas despois de que o goberno do Partido Popular anunciara unha tallada presupostaria de 10.000 millóns de euros destinada a desestruturar o sistema público de sanidade e de ensino, e logo de desenvolver diversas iniaciativas políticas de corte nacional-católico para asegurar o sometemento do corpo das mulleres traballadoras a través da expropiación dos seus dereitos reprodutivos e a supresión das axudas á dependencia, cun mercado de coidados sustentado case en exclusiva por mulleres de clase obreira, a dereita española vén demostrar a insuficiencia e a demagoxia do seu discurso da austeridade logo de facerse público o plan de inxección de 10.000 millóns de euros no rescate de Bankia, a entidade dirixida até hoxe por Rodrigo Rato, ex-vicepresidente do goberno de Aznar.No seo dunha crise da entidade da actual, a clase propietaria está a demostrar a súa intención de que sexa o conxunto do pobo traballador quen se faga cargo dos restos dun festín no que empesariado e banca, agora en rexime self-service, agora co persoal de servizo das diferentes administracións, celebrabaron a presión constante da riqueza cara arriba, acumulada a cada vez en menos mans. E non só, senón que no duro contexto económico, social e político que está a vivir a clase traballadora e as clases populares no seu conxunto, ven a posibilidade de saquear as caixas públicas con rescates millonarios da banca e, tamén, das grandes empresas.Cando xa nada xustifica o desenvolvemento dunha política da austeridade que quere concentrar a riqueza, a pesares de verse sustentada sobre a miseria e a pobreza social, é preciso que a mobilización obreira e permanente repoña a razón na xestión da riqueza social. Cómpre máis do que nunca artellar unha resposta ampla e colectiva capaz de sensibilizar á maioría social de que se están a cruzar sen reparos as liñas vermellas da división social, de que se está a programar a destrución dos noso empregos e das nosas vidas.A Central Unitaria de Traballadores e Traballadoras contribuirá na medida do posíbel a este debate, mais sobre todo, participará activamente no deseño dun sindicalismo obreiro anticapitalista dirixido a que as traballadoras e traballadores do noso País nos reapropiemos da nosa riqueza e das nosas vidas.