Posicionamento sindical unitario fronte á nova infamia do Goberno español ao Sáhara Occidental

335

O pasado 18 de marzo fíxose público o acordo do Goberno español e a monarquía de Marrocos, polo cal se recoñece de feito a ocupación do Sáhara Occidental a través do “outorgamento” dun estatus autonómico ao pobo saharauí. Dita noticia, non por descoñecer a historia do PSOE ao respecto da causa saharauí, causounos verdadeiro estupor.

Unha vez máis o Goberno de España, lonxe de apoiar o lexítimo dereito a decidir dos e das habitantes deste territorio ocupado, súmase sen rubor á causa imperialista absolutamente en coherencia coa política emprendida pola administración de Donald Trump en contra do ditaminado pola ONU e mil veces boicoteado pola monarquía marroquí amiga da española.

Como organizacións sindicais de clase, manifestamos a nosa absoluta repulsa ante o paso dado polo Goberno auto-proclamado “máis progresista da historia”. O cinismo que conleva o recoñecemento da ocupación imperialista marroquí é atentatorio aos máis básicos principios da legalidade internacional que emana, ademais, da ONU, da Unión Africana e mesmo da Corte Europea de Xustiza. En ningún caso a legalidade recoñece soberanía algunha sobre o Sáhara Occidental.

O Goberno español máis unha vez, e non é a primeira, branquea a decisión da última administración franquista de vender en 1975 o pobo saharauí a Marrocos e Mauritania. O Goberno fixo caso omiso por enésima vez ás súas obrigas como potencia administradora no que correspondería ser un proceso de descolonización.

A decisión que levou ao acordo de España e Marrocos e a normalización das relacións diplomáticas até agora en crise, tería diferentes lecturas políticas, pero a que máis sobresae é a vergoñenta e inmoral cesión á chantaxe da axenda francesa e estadounidense, que respalda desde fai cincuenta anos a ocupación marroquí do Sáhara Occidental.

Se é despreciábel a conivencia de Sánchez Castejón co sátrapa marroquí, non o é menos a temeridade do Goberno español á hora de facer súa a narrativa oficial marroquí sentenciando sobre a medida adoptada como “a máis seria e obxectiva para resolver o conflito”. Sometemento político absolutamente vergoñento.

Finalmente temos que dicir que nesta conxuntura dito acordo lexitima, nun contexto da guerra reanudada desde o ano 2020, as atrocidades practicadas a diario pola administración marroquí en materia de dereitos humanos nos territorios ocupados e os crimes de guerra en xeral.

Os sindicatos que asinamos o presente manifesto esiximos do Goberno español con carácter inmediado a suspensión do acordo feito público o 18 de marzo.

Así mesmo esiximos que o Goberno español asuma a súa responsabilidade como parte do conflito, a búsqueda da paz e da resolución definitiva do contencioso saharauí coa celebración do referendum de autodeterminación acordado no seu día polas Nacións Unidas.

21 de marzo de 2022

Comunicado conxunto da Coordinadora dos pobos da Federación Sindical Mundial cos seguintes sindicatos: Confederación Intersindical, Confederación Intersindical Galega, Corriente Sindical d’Izquierda (Asturies), CUT Aragón, ESK Euskal Herria, Intersindical Alternativa de Catalunya, Intersindical Valenciana, Sindicato Andaluz de Trabajadoras y Trabajadores, SOA Aragón, STEILAS Euskal Herria.