Posicionamento da CUT sobre a folga da conserva

214

O pasado 18 de decembro os sindicatos UGT, CCOO e CIG acordaron iniciar un calendario de mobilizacións no marco da negociación do Convenio Colectivo Estatal de Conservas de Pescado. Estas mobilizacións inclúen xornadas de folga o 27 e 28 de xaneiro e o 24 e 25 de febreiro a nivel estatal e que comezarán cunha mobilización o vindeiro sábado 24 de xaneiro en Vilagarcía.

“A CUT non forma parte desa mesa negociadora e defende, como sempre o fixo, que o marco de negociación sexa o galego e non o estatal, pois é en Galiza onde se concentra a maior parte do sector”

A CUT non forma parte desa mesa negociadora e defende, como sempre o fixo, que o marco de negociación sexa o galego e non o estatal, pois é en Galiza onde se concentra a maior parte do sector e somos nós as que entendemos este traballo e as que temos que negociar os convenios. Nada se nos perde en Madrid. Nós, como sindicato galego de clase, reclamamos que a negociación sexa galega.

Exposto o anterior, consideramos que o marco de acción sindical non ten que ser outro que o galego, procurando a constitución dunha mesa galega sindical, para abordar, dende Galiza e para Galiza, a problemática e posibles solucións ao sector da conserva. Polo tanto, non consideramos que a folga estatal na negociación dun convenio tamén estatal sexa a mellor ferramenta para mellorar a situación das traballadoras da conserva. Un convenio que, recordamos, se negocia a porta pechada e a máis de 700 quilómetros de distancia da maioría das persoas ás que vai afectar.

En calquera caso, non imos impedir a participación dunha folga que se convoca sen contar coa nosa opinión no marco dunha negociación da que somos excluídos nesa lóxica estatal.