POR UNHA ESTABILIZACIÓN REAL, AS QUE ESTABAN QUE VOLTEN

258

Con todo en contra, aínda así, conseguimos abrir unha vía para defender ás máis precarias do ensino. A administración, os sindicatos, parte da sociedade negáronnos este dereito,  sen embargo logramos un proceso de estabilización a medias. Foron catro anos de loita intensa: folgas, manifestacións, concentracións… A presión na rúa foi constante. Sempre se nos dixo que era imposible, ilegal, populista ou radical, pero aquí están os resultados: un concurso de méritos que permitiu a estabilización de parte das mestras e en xeral, das traballadoras do sector público.

Mais o proceso de estabilización non está acabado, pola contra está máis aberto que nunca.  Moitas docentes quedamos fóra do proceso, mestras que levamos. Mestras que levamos anos traballando e sufindo o abuso da temporalidade como peza estrutural do sistema público. O noso lema foi claro desde o principio: as que están, quedan. Nin unha mestra pode ficar sen estabilizar. A administración debe resolver o abuso de todas e cada unha das afectadas e nas portas do novo curso escolar, segue sen ser así. 

O concurso de méritos convocado pola Xunta de Galiza interpretou a lei de forma moi restritiva e as prazas non foron as suficientes, non foron as que corresponden  á fraude na contratación das súas traballadoras.

Esta lectura da lei é interesada xa que a Consellería de Educación sempre estivo en contra de estabilizar ás temporais. Prefire traballar cun gran número de persoal temporal para poder precarizar e recortar o servizo educativo cando o consideren, cada curso escolar, nas propias palabras dos responsables de persoal de San Caetano. Así é máis fácil reducir mestras na pública mentres aumentan os concertos coa privada e os cartos destinados a ese sector.

A CUT ten o incumprimento da estabilización no xulgado e pronto teremos novidades. Para máis no mes de xullo o goberno publica un novo Real Decreto que obriga a ampliación de prazas a estabilizar, situando o horizonte de conteo de prazas en decembro de 2021, co fin de que todas sexan consolidadas, incluso contemplando a creación de novas prazas de ser necesario con tal fin.

Enviamos por rexistro un escrito para abrir unha negociación ao amparo desta nova norma, a Xunta non contestou ao noso requerimento e polo tanto continuamos a vía xudicial e a vía sindical, a da presión da rúa. 

O concurso-oposición de estabilización foi unha mala broma, unha oferta de prazas ridícula e non serviu para estabilizar a case ninguén no seu posto de longa duración.  Iso non é estabilización, é unha burla ao persoal temporal.

Por iso e mentres non consigamos que todas as compañeiras sexan estabilizadas e recoñecido o seu dereito, alén das indemnizacións que marca a lei, seguiremos mobilizándonos para recordarlle á administración que non abandonamos a ninguén e que ten un problema que resolver.

Por todo isto, a CUT chama a concentrarse o próximo domingo 17 de setembro contra o abuso da temporalidade, a ampliación do concurso de méritos e o cumprimento dunha estabilización real.

Ás doce na praza Roxa de Santiago de Compostela temos que saír a loitar polo que é noso tras anos de traballo.

POR UNHA ESTABILIZACION REAL, AS QUE ESTÁN QUE VOLTEN.