As persoas que integramos a CUT sairemos este domingo 6 de novembro en Compostela a defender unha vez máis o que é do pobo. Uns medios de comunicación públicos deben ser de todas e para todas, algo moi afastado do que acontece dende hai anos na Corporación de Radio e Televisión de Galicia.
Por iso acudiremos á manifestación que partirá ás 12 h da Praza Roxa Compostela para reclamar uns medios públicos de comunicación libres, veraces, plurais e nos que todas nos sintamos reflectidas.
Queremos unha tele e unha radio con medios técnicos e humanos abondo para desenvolver os obxectivos previstos na súa lei de creación: información de proximidade, vertebración do país, defensa e pulo da nosa lingua e identidade, contidos para todos os sectores poboacionais, motor do desenvolvemento cultural e audiovisual, sen contidos machistas nin discriminación…
Reclamamos tamén a creación do Estatuto Profesional e o Consello de informativos previstos na Lei de Medios de Comunicación Audiovisuais de Galicia, que leva 11 anos incumpríndose, como instrumentos para garantir unha CRTVG libre de inxerencias políticas ou económicas.
Esiximos o relevo do director xeral, amarrado ao posto grazas a unha manobra política, malia ser cuestionada en reiteradas ocasións a súa xestión.
É hora de devolver ao pobo un servizo público esencial para recoñecérmonos e sentírmonos orgullosas de quen somos.
Por iso, este domingo, 6 de novembro, acude a Compostela “Por unha CRTVG ao servizo do pobo! Rescatémola!”.