POR QUE TEMOS QUE IR Á FOLGA?

223

Dende a CUT enviamos unha enquisa ao profesorado antes da presentación sequera do acordo da aldraxe que deu paso a esta folga. Recibimos 1.136 respostas: o 97,8% das persoas participantes consideraron que é necesaria unha mobilización do profesorado. O 88,5% dos que respostaron, apoiaba a convocatoria dunha folga. É dicir, había e hai intención, había xa enfado antes de nomear este novo acordo e as críticas ao inmobilismo sindical eran constantes. A presentación deste acordo ridículo para a recuperación dos dereitos roubados hai 12 longos anos, veu colmar a situación e por fin empuxar ao sindicato da maioría absoluta, con capacidade material e económica para paralizar o ensino, a facer a convocatoria. 

Queixándonos entre nós nos descansos e recreos temos claro que non logramos nada. O día de demostrar o noso cansazo é o día da folga, o martes 24. A Xunta non está obrigada a negociar na mesa sectorial, só presentar propostas por cortesía,  ao contrario do que ocorre na empresa privada, onde os convenios negócianse coa representación das traballadoras. O funcionariado non ten dereito á negociación colectiva, isto que é silenciado e non remediado dende sempre é o que fai no noso ámbito de imperiosa necesidade provocar unha paralización no sector e presión social para lograr calquera cambio de parecer da Consellería. O sindicalismo con representación sábeo e está cómodo nesta situación. Quizais por iso lle incomodan a aparición do profesorado reunido na CUT, sen representación e que si sae á rúa dende hai anos, que fai acción sindical directa a sabendas da inutilidade da mesa sectorial.

A CUT incomoda no sindicalismo burácrata do ensino, tanto que sofrimos aquilo que nas aulas dicimos que non é unha práctica sá nin empática: ghosting sindical á nosa organización. Tras meses tentando contactar con ANPAS e sindicatos para unha mobilización, só as primeiras deron pasos cara a unidade de acción. Os sindicatos con representación actúan como se a sección sindical da CUT non existise, ata o punto de non responder á oferta de apoio para traballar e ir xuntos a esta folga. O pasado 11 de outubro enviamos proposta de apoio a STEG e CIG e non recibimos resposta, para logo anunciar xunto ao CSIF, unha mobilización conxunta. A intención é clara, pero a CUT vai estar onde ten que estar: co profesorado e coa súa propia faixa porque así o decidiron o resto de sindicatos convocantes. 

Correo enviado a STEG e CIG para traballar a folga en conxunto

Temos que demostrar que somos un colectivo, o do profesorado, que ten dignidade. Dignidade para denunciar tamén que uns supostos sindicatos españois históricos (UXT, CCOO) e  a organización ANPE concorreron hai menos dun ano ás eleccións afirmando que a recuperación do horario e a diminución dos rateos era a súa prioridade, e na primeira negociación… baixada de pantalóns ante a Xunta. Son unha fraude. Supoñemos que para despedir ao seu amigo Canosa facéndolle as beiras, igual que fixeron na foto da vergoña xunto a Rueda e Román facéndolle a campaña ao PP a uns meses das eleccións autonómicas. 

Fonte: Praza Pública

Dignidade entre nós, xa que no sindical parece non existir en nigún dos entes apoltronados dende hai anos, á vista dos correos masivos para desmobilizar ao profesorado duns e a necesidade de silenciarnos doutros,  para mostrar ante a sociedade que somos conscientes do compromiso que debemos ter cun servizo público esencial como é o ensino. É a nosa obriga loitar pola calidade do público, do que é de todas, da educación que vertebra e integra a todo o mundo.

Dignidade para honrar a memoria dos que estiveron antes que nós. O profesorado, no seu día un colectivo activo, militante e consciente. Levamos anos e anos adormecidos vivindo de rendas das loitas das nosas pasadas compañeiras. Pouco a pouco imos perdendo dereitos e non reaccionamos. Hai que erguerse e mostrar que somos dignos da nosa historia como colectivo comprometido coa ensinanza.

Estamos nun punto en que ou estamos todas xuntas contra o desmantelamento do público e na recuperación dos dereitos que non foron roubados, ou estamos a facerlles o xogo á Consellería. Se non vamos á folga a mensaxe que lanzamos á sociedade e á Xunta é que estamos de acordo coa nosa situación, que as nosas queixas son infundadas. Se aceptamos o acordo da aldraxe despois non imos ter oportunidade de intentar recuperar os nosos dereitos.

A historia demostra que a mobilización é o único camiño para conseguir dereitos para as traballadoras. O día 24, compañeiras, vémonos na rúa. Non podes faltar. Todas xuntas berraremos:

Menos rateo! Menos horas! Recuperemos o que nos foi roubado!