Actualmente o non do movemento obreiro a pedimentos como o do presidente ianqui Donald Trump ou o do secretario xeral da OTAN Mark Rutte de incremento do gasto militar a favor da experiencia “atlantista” parece non sobreentenderse e requirir unha explicación detallada.
Hoxe cómpre recordar a razón existencial da propia OTAN e do atlantismo militar. Creada no 1949 coa sinatura do Tratado de Washington, e sucesivamente ampliada, fórmase coa intención de sortear os mecanismos de equilibrio interno do Consello de Seguridade das Nacións Unidas (que equiparaban o valor do voto – máis ben do veto – dos EEUU e da URSS) e poder así articular unha eventual resposta militar fronte á Unión Soviética. O obxecto, por tanto, constituírse como unha forza disuasoria ao avance do socialismo real en occidente.
Aínda hoxe as operacións das forzas militares da OTAN seguen ao cargo do Comandante Supremo Aliado en Europa (SACEUR), un membro das Forzas Armadas de EEUU, que rexe dende o Cuartel Xeral Supremo das Potencias Aliadas en Europa en Casteau, Bélxica.
A OTAN protagonizou operacións militares en Bosnia e Herzegovina (1995), na República Federal de Xugoslavia (1999), no Estado Islámico de Afganistán (2003), en Iraq para o adestramento das súas forzas militares post-invasión (2003 a 2011), ou en Libia asumindo o seu arrase militar (2011). Esta intervención veu cronificar a situación bélica e favoreceu o saqueo dos seus recursos nacionais.
Nos últimos meses o secretario xeral da OTAN Mark Rutte encomendou aos países de Europa un incremento do gasto militar, suxerindo a atribución do 3% do PIB. Pola súa vez o presidente ianqui Donald Trump co auspicio do medo coa épica xa preelectoral de “se un país da OTAN non paga a cota, animaría a Rusia a que o ataque” subiu a aposta durante o Foro de Davos á cifra do 5 % do PIB.

Cando a Central Unitaria de Traballadoras se opón ao investimento dos solicitados 833.923 millóns de euros no conxunto da Unión Europea e ao consenso silencioso sobre o compromiso xa adquirido por Pedro Sánchez de incrementar a 40.457 millóns de euros o gasto militar para o 2025 (2,48% do PIB), non o fai polas advertencias de quebra económica no contexto UE, faino coa convicción da pertinencia das análises e consensos que a esquerda transformadora debe restaurar con urxencia:
- O Estado Español, está xa a incrementar de maneira progresiva, amparada no silencio parlamentario, a financiación da industria da morte cando menos dende 2014. Tense acreditado que do ano 2014 ao 2024 xaora os gobernos do PP xaora do PSOE – e outros – impulsaron un aumento do 107% en gasto militar. Isto mentres se degradan servizos inherentes á nosa dignidade como a sanidade (gasto do 7,15% do PIB) ou a educación (4,62% do PIB). Declaracións como as de Pepe Álvarez – líder de UGT – solicitando que a Comisión Europea “tome o mando” en Defensa e “mesmo se expoña un imposto con carácter xeral para todos os cidadáns da Unión Europea que poida financiar esa política“, constitúen unha humillación ao movemento obreiro internacional. O sindicalismo é unha experiencia de combate en defensa da vida e do benestar de todas as traballadoras do mundo, sen excepción. O investimento en armas é, de contrario, a condición necesaria para a aniquilación.
- A OTAN, como acabamos de ver, segue a representar a máis lamentábel escena de submisión dos Estados-nación de Europa aos intereses imperiais dos Estados Unidos. Non compartimos ningún valor co proxecto imperialista da OTAN e as nosas vidas só estarán a salvo logo da súa destrución. A “ameaza rusa” é unha pantasma que se sustenta, artificiosamente, no propio reforzo do monstro OTAN, coa contribución europea á lóxica de expansión das fronteiras da organización armada cara Rusia. Queremos á OTAN e as súas bases militares fóra das nosas fronteiras.
- Non temos ningún reparo en advertir, malia a concorrencia de conflitos bélicos, que non identificamos en Rusia, como tampouco na súa altura na Unión Soviética, un inimigo a abater. Todos os intentos de sacarlle lustre a Europa, procurando un inimigo externo ou a creación de intencionados desafíos comunitarios – adecuadamente representados pola presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen – resúltannos alleos de vez. Fronte á caricatura maníaca sobre a gobernabilidade rusa, a urxencia obxectiva da clase traballadora galega é contribuír, no espazo interno, ao colapso do avance do Capital. No plano internacional a CUT móstrase inderrogabelmente favorábel ás palabras “paz” e “negociación” para resolver os conflitos, e impugna a belicosidade identitaria dunha Unión Europea otanista que non nos representa.
- O interesado manexo sistemático das angustias e as paixóns, facéndonos crer ás dominadas e aos dominados que nos atopamos en risco de colapso de civilizacións, ou fronte a un horizonte apocalíptico repleto de ameazas, forma parte das estratexias de gobernabilidade propias da ultradereita. A socialdemocracia está a asumir o shock como estratexia de gobernabilidade, contribuíndo a xerar unha permanente paranoia propia do pre-fascismo. Como indicou Frédéric Lordon, se nos convencen dunha “ameaza existencial”, “entón é cuestión de “vida ou morte”, e nesas condicións de “perigo vital” todo está permitido. Disparar con metralladoras sobre lanchas de migrantes estará permitido, xa que a “Gran Substitución” supón a nosa aniquilación. O xenocidio dos gazatís e a limpeza étnica dos sobreviventes está permitido, xa que a propia Palestina é unha “ameaza existencial” para Israel. Como o será Rusia para nós se hai que exporse unha guerra exterior para que a xente se esqueza dos problemas internos”.
- E, finalmente, o que ningunha revolucionaria debe esquecer xamais: nas guerras os mortos e as mortas son as nosas fillas e fillos. Por iso as obreiras e os obreiros avogamos pola paz. Se ben a única maneira de salvagardar de maneira definitiva a paz é un esforzo significativo na vitoria do proletariado socialista – Rosa Luxemburgo – posto que non temos depositado interese económico na guerra e moito interese na vida, a defensa da paz en cada debate é condición necesaria para irmos construíndo entre tanto un mundo vivíbel para todas as traballadoras e traballadores do mundo. Porque se hai unha proposta política que se pode estender polo mundo coa comprensión do igual valor que cada vida ten – á marxe das nacionalidades – e do negado valor, por tanto, do gasto na industria da morte, é a nosa.
Secretariado Político da CUT










