Este sábado 20 de decembro as persoas traballadoras de NEFAB, xunto cunha ampla representación do pobo de Ponte-Caldelas e da súa contorna, mobilizáronse polas rúas da vila para dicir abonda de chantaxes, abonda de despedimentos e abonda xa de imposición empresarial!
A mobilización foi unha resposta colectiva ás prácticas de represalia da empresa e á mala xestión da xerencia que, lonxe de apostar polo diálogo social e pola busca de solucións compartidas, optou polos despedimentos, a presión e a xeración de medo no cadro de persoal. Nomeadamente denunciáronse os despedimentos das persoas traballadoras da quenda de noite, uns casamentos que incrementan a incerteza sobre o futuro do conxunto dos postos de traballo.

Esta mobilización, a primeira deste tipo na historia recente de NEFAB, tivo tamén un marcado carácter pedagóxico e social. NEFAB é unha empresa con décadas de implantación en Ponte-Caldelas, fondamente arraigada no tecido produtivo, e que forma parte da historia laboral e económica da vila. Por iso, as persoas participantes quixeron deixar claro que a defensa do emprego en NEFAB é tamén a defensa do futuro económico e social de toda a vila e da súa contorna.
“Durante a manifestación pediuse a readmisión inmediata das persoas despedidas, a fin das prácticas de presión e represalia, e a apertura dun diálogo social real.”
Durante a manifestación pediuse a readmisión inmediata das persoas despedidas, a fin das prácticas de presión e represalia, e a apertura dun diálogo social real, baseado no respecto aos dereitos laborais e á dignidade das persoas traballadoras. Asimesmo subliñouse que a organización colectiva non é un problema senón unha garantía fronte á arbitrariedade.
As persoas traballadoras de NEFAB agradeceron publicamente o apoio recibido por parte da veciñanza, das familias de Ponte-Caldelas e das forzas políticas con representación no Concello, destacando que a defensa do emprego digno é unha responsabilidade colectiva que vai máis ala das siglas e dos intereses particulares.
A mobilización concluiu cunha mensaxe clara á dirección da empresa: non haberá pasos atrás na defensa dos postos de traballo, do diálogo e dun futuro digno para NEFAB e para Ponte-Caldelas.












