As organizacións sindicais dos tres sectores de atención ás persoas en Galicia (CIG-Ensino, CCOO Ensino, UGT, USO, CUT e SNEP) denuncian publicamente a actitude da Conselleira de Política Social, Fabiola García (PP), quen, unha vez máis, ningunea aos axentes sociais ao non responder á solicitude de xuntanza para debater sobre cuestións cruciais para os servizos sociais (discapacidade, menores e infantil)
Esta práctica xa habitual da Consellería de Política Social de non recibir aos representantes das persoas traballadoras e das persoas usuarias para abordar temas tan importantes como a dignificación salarial, a mellora de ratios e a dotación de recursos nos sectores de discapacidade, menores e infantil 0-3, demostra unha falta de respecto pola negociación colectiva e polo benestar dos traballadores e traballadoras, así como das persoas ás que atenden.
“Ante esta obstinada negativa ao diálogo e á negociación de melloras e esgotado o prazo de dez días dado pola representación sindical, as organizacións sindicais retomaremos as mobilizacións.”
Ante esta obstinada negativa ao diálogo e á negociación de melloras e esgotado o prazo de dez días dado pola representación sindical, as organizacións sindicais retomaremos as mobilizacións.
Advertimos á Consellería de Política Social de que a primeira convocatoria de mobilización terá lugar o vindeiro xoves 18 de decembro cunha concentración de delegados/as dos 3 sectores ás 10:30h. diante da Xunta de Galicia en San Caetano , co obxectivo de exixir que se abra unha vía de diálogo e que se dean pasos reais para mellorar as condicións laborais, sociais e salariais, así como a calidade dos servizos.
A responsabilidade de que o conflito se agrave é, única e exclusivamente, da Xunta de Galicia pola súa actitude de peche e desprezo á unidade de acción sindical así como a todo o persoal traballador representado.












