Política laboral represiva na CRTVG

56

A dirección da CRTVG continúa coa súa política represora aos traballadores e traballadoras, e así o confirman as catro propostas de sanción disciplinaria a compañeiros/as comunicadas nos últimos días.En primeiro lugar a CUT quere amosar o seu apoio total a estes compañeiros/as, aos que se lles incoa un expediente cun procedemento irregular que vulnera todas as garantías recoñecidas do traballador e os sitúa en completa indefensión.Dende esta Sección Sindical REXEITAMOS a política de “man dura” e de absoluta falta de diálogo nas relacións laborais á que nos ten acostumados/as a dirección da CRTVG. Debera ser precisamente o diálogo, e non as ameazas constantes de sancións disciplinarias, o que rexera as relacións entre os traballadores/as e a empresa.A CUT considera totalmente intolerables este tipo de actitudes represoras, que moitas veces o único que evidencian é a incapacidade de xestionar correctamente os servizos desta empresa. A desorganización laboral nas distintas áreas desta casa e a falta dunha coordinación axeitada fan que o traballo se concentre en momentos puntuais da xornada laboral, en vez de existir unha distribución máis equitativa dos recursos dispoñibles. Isto acaba repercutindo negativamente na capacidade e disposición do/a traballador/a para desenvolver as súas funcións e, moitas veces, outras que lle son impostas.Solucionar estes conflitos a base de ameazas e sancións é un caldo de cultivo ideal para que se dean graves situacións de hostilidade laboral ou acoso por parte de distintas xefaturas e departamentos da compañía.

Santiago de Compostela a 30 de Maio de 2012

Sección Sindical da CUT na CRTVG, TVG e RTG